A primeira parada tivo lugar no Heliporto Costa Norte, no cal se atopa o Servizo de Gardacostas de Galicia e o helicóptero Pesca 2. Da man da súa tripulación achegáronse ao seu labor no salvamento marítimo, coñeceron os equipos de salvamento que empregan nos rescates e tiveron ocasión de ver algo excepcional: o despegue do helicóptero. A continuación visitaron a lonxa, na cal lles explicaron a actividade da frota pesqueira, o funcionamento dunha lonxa e algunhas curiosidades sobre peixes e mariscos. Finalmente puideron visitar a Confraría de Pescadores, onde coñeceron diversas artes de pesca e oficios e profesións relacionadas co mar, así como a importancia de consumir produtos do mar para manter unha dieta saudable e tamén algo imprescindible para o futuro das especies mariñas: o coidado e protección do medio ambiente mariño.