O Voceiro Socialista, Pablo Díaz, que xa se fixo eco en diversas ocasións das súas queixas, lembra que estes veciños levan sufrindo esta situación dende o ano 2011. Explica que nesta parroquia de Vilarente non existe saneamento municipal, nin abastecemento de auga. Advirten de que a traída de auga municipal que abastece a este núcleo do municipio “é ilegal”, e lembran que o propio Concello de Abadín xa foi sancionado por este motivo.
Pablo Díaz lamenta a falla de colaboración e diálogo do Alcalde e do seu Goberno do PP de Abadín, “xa que en vez de solventar esta situación provisionalmente con cisternas de auga ou con motombombas, non fai absolutamente nada e opta por darlle as costas aos veciños”, denunciou. Ademais, lembra que neste domicilio viven 5 persoas, “unha delas con mobilidade reducida e que precisa de coidados excepcionais que non está a ser atendido correctamente”.
“En Vilarente hai unha familia sen auga e ao Alcalde dálle igual, o noso rexedor cobra a fin de mes o seu soldo, pero non soluciona nin un só problema dos nosos veciños e veciñas. Queremos un goberno serio e responsable e non un cobrador, queremos un Goberno que saiba xestionar e atender ás demandas da veciñanza. Por favor, as familias non poden máis. Abra ás portas do Concello e atenda as súas peticións. Esta familia só reclama ter dereito a un ben universal, ter dereito á auga no seu domicilio. Faga algo xa”, subliñou o Voceiro Socialista.