O ‘Festival Bal y Gay’ ofrecerá dúas actuacións gratuítas para todos os públicos este luns 15 de agosto. En primeiro lugar, Monicreques Etcétera presentará en Foz (19:00, entrada gratuíta) o seu espectáculo infantil ‘Almavera (sonata para violín e monicreques)’. Considerada unha das compañías máis recoñecidas de España no ámbito do teatro de monicreques con máis de 40 anos de traxectoria, representará mediante esta creación o seu compromiso coa tradición, a arte e o diálogo co público familiar. A historia de Almavera, unha nova aburrida que non sente pracer pola vida ata a chegada repentina de Vittorino, un apaixonado violinista. Un universo popular na contorna dunha palleira con monicreques e espectadores compartindo relatos e historias. Posteriormente, celebrarase a actuación de ‘Caamaño & Ameixeiras’ en Barreiros (21:00, entrada gratuíta). Dúo ligado á música e ao baile de raíz, composto por Sabela Caamaño (acordeón cromático) e Antía Ameixeiras (violín e voz). Ambas toman como punto de partida a tradición para crear despois a súa propia linguaxe con composicións e arranxos persoais e íntimos, mantendo a esencia do popular e incluíndo recursos contemporáneos.