Site icon Crónica3.com A Mariña

Cadernos da viaxe. “Cómpre subir os tipos de xuro?”, por Xoán Antón Pérez Lema

Neste mes de agosto tiven a ocasión de partillar co profesor Miguel Anxo Bastos (USC) dous faladoiros da actualidade na Radio Galega conducidos pola xornalista Silvia Pereira. E nas dúas ocasións, canda outros temas de actualidade, xurdiu o das medidas antiinflacionarias. Bastos confía nas medidas clásicas de restrición da liquidez e suba dos tipos de xuro, xa desenvolvidas en xullo polo Banco Central Europeo (BCE) e antes pola Reserva Federal dos USA e os Bancos Centrais suizo e xaponés. Eu, sen negar que existan xa algúns elementos de inflación na demanda post-covid, sigo a pensar que a actual inflación xorde nomeadamente dos graves desaxustes da oferta xerados pola queda produtiva da pandemia.

Semella que esta miña percepción, que contraría en parte opinións tan alicerzadas como a do profesor Bastos, conecta coa recentísima opinión (24-A) do antigo economista-xefe do Banco Mundial o profesor Joseph Stiglitz. Cando hai quen desconta xa para o vindeiro setembro unha suba de 0,5 pontos do tipo de xuro do BCE (a lle engadir á suba doutro tanto neste último xullo), Stiglitz advirte que pode ser peor o remedio ca a doenza. Advirte que, en realidade, sofrimos unha inflación xerada sobranceiramente polas restricións da oferta de alimentos, compoñentes electrónicos e enerxía, polo que subir os tipos de xuro non atende á raíz do problema e mesmo pode agravalo. As restricións de acceso ao financiamento dificultarían a implementación dos investimentos precisos para resolver eses estrangulamentos da oferta.

No caso do noso País, Galicia, as restricións crediticias dificultarían o proceso de reindustrialización e reagrarización que precisa a nosa economía e mesmo os investimentos en dixitalización, enerxía e habitabilidade que constitúen obxectivos fulcrais dos Fondos Next Generation da Unión Europea. Co que podemos enfrontar a treboada perfecta dunha inflación sen corrixir (malia a case segura queda substancial do consumo) á que se lle engadiría unha recesión no PIB que xere desemprego, redución da recadación fiscal e, xa que logo, necesidade ulterior de transferencias para pagar máis prestacións e subsidios sociais e máis xuros da débeda pública.

Cómpre, pois, esixir prudencia dos dirixentes do BCE (que non respostan politicamente diante do Parlamento Europeo) e lembrar, como ten dito o economista galego Marcelino Fernández Mallo, a necesidade cando menos de manter canles privilexiadas de financiamento para eses proxectos estratéxicos de reindustralización, infraestruturas, dixitalización e reagrarización. Porque unha segunda edición do austericidio de 2010-2013 xeraría uns custos non aturábeis para as clases medias e traballadoras.

Exit mobile version