Barreiros, 19 de agosto de 2022. O Concello de Barreiros segue a traballar na divulgación dos valores do seu territorio.
Neste caso, e da man do Obradoiro de Emprego “Territorio Vivo” coa especialidade de educación e interpretación ambiental, e participado polos Concellos de Barreiros e Ribadeo, leváronse a cabo varias actuacións no eido da educación ambiental.
Así, entre elas, elaboráronse novos paneis interpretativos para ser colocados na contorna do Santo Estevo do Ermo e o Miradoiro de Penabor. Espazos singulares a nivel paisaxístico, ambiental, xeolóxico e cultural.
Os paneis interpretativos resultan unha ferramenta moi útil e amena para a divulgación daqueles aspectos destacados do territorio enriquecendo a experiencia do/a visitante axudándolle a entender e valorar o lugar.
Actuouse na promoción dos valores ambientais da fraga de Santo Estevo do Ermo que constitúe un dos poucos redutos de bosque autóctono da contorna albergando así unha ampla biodiversidade entre a que se atopan numerosas especies de fauna e flora protexida. Mais tamén se encargaron de plasmar o valor cultural do lugar facendo referencia á súa historia e etnografía.
Por outra banda, procedeuse tamén a renovar a mesa interpretativa do Miradoiro de Penabor que informa sobre a toponimia e os valores naturais do litoral de Barreiros.
Paralelamente, o persoal deste Obradoiro de Emprego encargouse de realizar varias visitas guiadas dirixidas ao público en xeral e aos nenos e nenas que participan no campamento de verán. Estas enfocáronse na contorna do sistema dunar de Altar, como ecosistema adecuado e protexido para a cría da píllara das dunas, e divulgando o proceso de creación das dunas xunto cos seus valores ambientais.
Ademais da elaboración dos paneis interpretativos e da realización das visitas guiadas encargáronse do estudo e deseño do material interpretativo de cara á creación futura dunha nova ruta de sendeirismo na contorna de Santo Estevo do Ermo e o Monte Penabor.
Todo este traballo foi posible grazas á colaboración entre os alumnos/as e monitora deste Obradoiro de Emprego e o persoal municipal. Traballo que a Alcaldesa Ana Ermida e o Concelleiro de Medio ambiente e Rural, Dámaso Ratoeira, agradecen persoalmente.
Este Obradoiro está financiado nun 91% polo Fondo Social Europeo e a Iniciativa de Emprego Xuvenil e, na parte restante, pola Consellería de Promoción, Emprego e Igualdade.