Organizada pola Fundación Expomar, a feira dos produtos artesanais e ecolóxicos celébrase ata domingo na nave de redes do porto de Burela coincidindo coa XXXVI Feira do Bonito
Ao acto de presentación tamén asistiron representantes das principais asociacións locais, así como a nova delegada territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, María José Gómez.
Tamén destaca a visita do alcalde de Tarifa, Francisco Ruiz Giráldez, froito da recente alianza creada entre o “Atún Rojo Salvaje de Tarifa” e o “Bonito do Norte de Burela”, o que orixinou unha nova irmandade entre as dúas localidades costeiras a cada lado da península ibérica.
Ata a noite do domingo a nave de redes do porto de Burela acollerá a 44 expositores de diversa orixe, desde artesanía tradicional e produtos naturais-ecolóxicos, alimentación (tanto perecedeira como elaborados e conservas), artesanía, natureza e medio ambiente.
A feira promociona os produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difunden e recuperan a cultura ecolóxica, cunha clara intención de estimular e fomentar iniciativas, recursos e produtos que se atopen no marco da economía sustentable.
Este sábado celébrase ás 13:00h unha conferencia sobre «A pesca ante a eólica mariña», problemática sobre a que debatirán dentro do recinto feiral Torcuato Teixeira, portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, e Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías e Patrón Maior da Confraría de Burela, xunto con Alfredo Llano, presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela.
O programa inclúe tamén actividades infantís, demostración de encaixe de bolillos e actuación musicais, que se suman á multitude de actividades de ocio que cada ano rodean á celebración da Feira do Bonito.
A entrada á feira é gratuíta e desde a Fundación Expomar prevese que especialmente a xornada deste sábado volva marcar un máximo histórico de visitantes, ao coincidir coa celebración da Feira do Bonito no porto de Burela.