Organizada pola Fundación Expomar, a feira dos produtos artesanais e ecolóxicos celébrase ata domingo na nave de redes do porto de Burela coincidindo coa XXXVI Feira do Bonito
Burela, 6 de agosto, 2022. A directora do INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia), Covadonga Salgado Blanco, xunto co presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela, Alfredo Llano, inauguraron este venres pola tarde a vixésima edición de Produart na nave de redes do porto de Burela.
Ao acto de presentación tamén asistiron representantes das principais asociacións locais, así como a nova delegada territorial de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia, María José Gómez.
Tamén destaca a visita do alcalde de Tarifa, Francisco Ruiz Giráldez, froito da recente alianza creada entre o “Atún Rojo Salvaje de Tarifa” e o “Bonito do Norte de Burela”, o que orixinou unha nova irmandade entre as dúas localidades costeiras a cada lado da península ibérica.
Ata a noite do domingo a nave de redes do porto de Burela acollerá a 44 expositores de diversa orixe, desde artesanía tradicional e produtos naturais-ecolóxicos, alimentación (tanto perecedeira como elaborados e conservas), artesanía, natureza e medio ambiente.
A feira promociona os produtos locais, artesanais e tradicionais, e tamén aqueles produtos anovadores que difunden e recuperan a cultura ecolóxica, cunha clara intención de estimular e fomentar iniciativas, recursos e produtos que se atopen no marco da economía sustentable.
Este sábado celébrase ás 13:00h unha conferencia sobre «A pesca ante a eólica mariña», problemática sobre a que debatirán dentro do recinto feiral Torcuato Teixeira, portavoz da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños, e Basilio Otero, presidente da Federación Nacional de Cofradías e Patrón Maior da Confraría de Burela, xunto con Alfredo Llano, presidente da Fundación Expomar e alcalde de Burela.
O programa inclúe tamén actividades infantís, demostración de encaixe de bolillos e actuación musicais, que se suman á multitude de actividades de ocio que cada ano rodean á celebración da Feira do Bonito.
A entrada á feira é gratuíta e desde a Fundación Expomar prevese que especialmente a xornada deste sábado volva marcar un máximo histórico de visitantes, ao coincidir coa celebración da Feira do Bonito no porto de Burela.