Ribadeo, 5 de agosto de 2022. Acisa mantivo un encontro coa comisión de festas de Rbadeo e renovou o seu compromiso de colaboración coas patronais.
O xerente de Acisa, Jesús Pérez, explicou que “na xuntanza dende Acisa Ribadeo quixemos mostrarlles aos responsables da comisión o noso compromiso e máxima disposición para colaborar con eles. Xa fai uns meses tiveramos unha primeira reunión na que nos adiantaron as súas peticións e inquedanzas e dende entón mantemos un dialogo fluído. Nesta reunión o que se fixo foi ratificar por parte da nova directiva de Acisa Ribadeo o compromiso adquirido coa comisión no seu momento”.
Pérez Prada indicou que “Acisa Ribadeo vai a colaborar este ano cunha boa achega económica, 2.000 euros, seguramente moi modesta comparada coa das administracións públicas, pero dentro do presuposto, recursos e contexto da asociación ribadense trátase dunha das achegas mais altas que facemos nas colaboracións con outras entidades. Deste xeito queremos mostrar o noso compromiso con este grupo de rapazas e rapaces, que están a facer un traballo moi importante para que Ribadeo teña unhas grandes festas”.
A presidenta de Acisa, Carmen Cruzado, dixo que “somos conscientes do enorme traballo que dende a comisión están facendo e tamén do importante que é ter unhas boas festas de San Roque e da Patroa para Ribadeo, que serven como revulsivo económico especialmente para a hostalería, pero tamén para o comercio. Por iso queremos destacar esta colaboración económica e a nosa disposición a axudar no que nas nosas humildes posibilidades poidamos. Desde Acisa queremos ser útiles para os diferentes colectivos que fan actividades por Ribadeo e que teñen repercusión na economía local”.
Cruzado Iglesias engadiu que “dende Acisa creemos que é importante que entre as diferentes asociacións e colectivos colaboremos para poder medrar, sempre tendo en conta as posibilidades de cada un. Ademais nesta nova etapa de Acisa pretendemos esforzarnos en que todas as colaboracións que se fagan por parte da nosa entidade repercutan dunha forma mais directa nos nosos asociados e asociadas e niso tamén estamos a traballar coa comisión de festas de Ribadeo”.
O xerente de Acisa subliñou o traballo que está a realizar a devandita comisión: “están a dedicar parte do seu tempo persoal a organizar unhas festas, que polo que coñecemos van ser moi boas para que veciñanza e visitantes poidamos gozar e para que comercio e hostalería poidan darlle un empuxón ás súas caixas antes de pechar a tempada de verán”.
O presidente da comisión de festas de Ribadeo, Martín Graña, declarou que “desde a comisión estamos moi agradecidos co compromiso e axuda que nos brinda a asociación de comerciantes de Ribadeo. Valoramos dun xeito moi especial o apoio que recibimos desde o inicio”.