Site icon Crónica3.com A Mariña

A Xunta completou as obras de mellora da eficiencia enerxética no CEIP de Abadín, ás que destinou 252.300€

Tamén se dotou o patio do colexio dun novo pavimento cun orzamento de 31.000 euros

Abadín, 31 de agosto de 2022. A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades vén de rematar as obras de mellora da eficiencia enerxética do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño de Abadín, nas que investiu preto de 252.300 euros.

Así o explicou hoxe durante unha visita ao centro o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, quen apuntou que para próximo inicio de curso tamén está listo o novo pavimento do patio. Este espazo exterior asfaltouse cun orzamento que ronda os 31.000 euros.

Os traballos que se realizaron ao longo dos últimos meses incluíron a substitución de portas e ventás por outras de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmico e vidros de dobre acristalamento, baixo emisivos, acústicos e de seguridade, con cámara de aire intermedia e apertura oscilobatente.

Tamén se mudaron os canlóns e baixantes; colocouse illamento no baixocuberta e instalarónse novas luminarias tipo LED con regulación de intensidade e detectores de presenza.

Así mesmo, entre as actuacións realizadas tamén destaca a reparación da cuberta do voadizo situado á entrada do centro -na fachada sureste- para evitar as filtracións de auga.

Os traballos están incluídos nun contrato de mellora de dez centros educativos da provincia de Lugo por un importe total de 2M€, que recolle actuacións noutros catro colexios da comarca da Terra Chá: CEIP de Bretoña e CEIP O Salvador da Pastoriza; CEIP Mato Vizoso de Vilalba e CEIP de Xermade.

Arias afirmou que a mellora da eficiencia enerxética das instalacións educativas é un dos piares do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co fin de promover “infraestruturas máis respectuosas co medio ambiente, máis confortables para alumnos e profesores e que permitan un aforro no consumo”, concluíu.

Exit mobile version