A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda asinou a orde de aprobación definitiva do documento
Riotorto , 30 de agosto de 2022. A Xunta acaba de aprobar de forma definitiva o Plan básico municipal (PBM) do Concello de Riotorto, que se converte así no segundo municipio galego —despois de Trabada— en dotarse deste instrumento de ordenación pensado para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento poidan desenvolver certa actividade urbanística sen establecer criterios de crecemento urbano.
Acompañada do alcalde, Clemente Iglesias, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá en Riotorto a orde de aprobación definitiva do PBM, un fito que enmarcou no esforzo da Xunta nos últimos anos para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo responsable e na protección da súa paisaxe.
Tras lembrar que o contrato para redactar o plan básico deste municipio se formalizou a finais de 2019 e o documento foi aprobado inicialmente en xuño do ano pasado, a conselleira incidiu en que unha das vantaxes deste instrumento é que a súa tramitación é “moito máis áxil” que a dun planeamento xeral, que normalmente precisa ata tres veces máis de tempo para acadar a aprobación definitiva.
Neste sentido, felicitou ao alcalde e ao resto do Goberno local por ser un dos primeiros en apostar por esta figura novidosa, creada ao abeiro da Lei do solo e concibida para avanzar no obxectivo da Xunta de que non haxa ningún concello sen PXOM.
En concreto, o plan clasifica un único ámbito de solo urbano consolidado no concello de Riotorto, sumando todos os terreos que integran a malla urbana existente e de xeito que os sete antigos asentamentos rurais quedan a partir de agora unidos ao lugar das Rodrigas. Así mesmo, o PBM delimita un total de 67 núcleos rurais: 58 deles de tipo tradicional, 8 que combinan partes tradicionais e comúns e 1 común.
En canto aos elementos máis significativos do patrimonio cultural e natural de Riotorto merecedores dunha protección especial, o documento identifica e cataloga un total de 121 dos cales 10 son de tipo arqueolóxico, 44 arquitectónicos e 67 etnográficos.
Tras a aprobación este verán dos dous primeiros plans básicos municipais de Galicia, Ángeles Vázquez indicou que se segue avanzando na tramitación do resto para que sexan unha realidade o antes posible, ao tempo que se traballa para impulsar a elaboración doutros novos.
Así, os concellos de Ribeira de Piquín, Triacastela, Cartelle, Padrenda, Porqueira, San Xoán de Río e O Páramo están pendentes de obter a totalidade dos informes favorables preceptivos para poder sometelo a informe da Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo.
No caso de Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón estase rematando a redacción do borrador do plan e o documento ambiental estratéxico para poder iniciar o procedemento de avaliación ambiental.
Finalmente, recordou que este mesmo mes de agosto vén de adxudicarse por case 150.000 euros o servizo para a obtención da cartografía previa necesaria para redactar os plans básicos municipais doutros 6 concellos: Antas de Ulla, Chandrexa de Queixa, San Amaro, Negueira de Muñiz, Pantón e Montederramo. Unha vez asinados os contratos, as empresas adxudicatarias disporán de 6 meses para completar os traballos e cartografar o territorio destes municipios, que se suman así aos 18 que actualmente xa teñen ou están a traballar no seu propio PBM.