Actualmente, só hai un médico para atender a unha poboación de 2.300 veciños e veciñas, e a carga de traballo que está soportando o único sanitario é excesiva
O Voceiro Socialista de Abadín, Pablo Díaz, xunto con concelleiros socialistas, desprazáronse a diversas parroquias de Abadín, para participar na campaña de firmas, coa que se insta á Conselleira de Sanidade a mellorar de xeito urxente a atención primaria no concello de Abadín.
Os socialistas lembran que cal é a situación actual no centro de saúde. “De tres médicos que consultaban na vila, só queda un e comprobamos que a situación vai a peor. Actualmente, só hai un médico para atender a unha poboación de 2.300 veciños e veciñas, e a carga de traballo que está soportando o único sanitario é excesiva. Ademais ten que distribuír as quendas de traballo para atender a tódolos pacientes que estaban no cupo dos outros dous sanitarios, que xa non están exercendo e que non son substituídos pola Xunta.
Ademais, tamén reclamamos os reforzos necesarios neste período estival, e que se contrate o servicio de pediatría que recortaron fai tempo. “Non podemos quedarnos de brazos cruzados mentres a nosa veciñanza esta en pé de guerra solicitando melloras na nosa vila. Do noso Alcalde e do seu Goberno xa sabemos que non podemos esperar nada. E como xa ven sendo habitual, cónstanos, que non van mover un só dedo para mellorar a situación de desatención actual”, advirten dende o PSdeG.
“Os socialistas de Abadín estamos sumamente comprometidos coa veciñanza do noso Concello, e sobre todo coas súas demandas. Porque as súas preocupacións tamén son as nosas, e queremos ser participes de todas e cantas iniciativas sexan precisas para mellorar a calidade de vida da nosa vila. Ese é o noso camiño, non temos outro. Mentres o PP da ás costas á veciñanza, nós traballamos polo futuro de Abadín”, remarcan os socialistas.