O Presidente, José Tomé Roca, asinou coa CEL un convenio de colaboración para desenvolver este ano un proxecto que apoie a expansión das compañías da provincia en novos mercados
Lugo, 31 de agosto de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL), Eduardo Valín, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración a través do que a institución provincial aporta 60.000€ para potenciar a proxección exterior das empresas lucenses poñendo en marcha o proxecto denominado CEL Expansión 2022.
“Reforzamos moito o servizo de asesoramento en axudas e outros incentivos para mellorar a competitividade e posición das empresas fóra do país”, destacou o Presidente sobre a iniciativa, que enmarcou no diálogo e colaboración permanente que mantén a Deputación cos sectores produtivos para impulsar o seu desenvolvemento.
José Tomé apuntou que este proxecto responde á necesidade de mellorar as exportacións da provincia, que caen de xeito continuado desde o 2015, segundo reflicte o informe de Lugo en Cifras 2021, que elabora a propia CEL co apoio da Deputación. Esta publicación apunta que a provincia de Lugo exportou o ano pasado ao redor de 585 millóns de euros e importou case 725 millóns, o que deixa unha balanza comercial negativa co exterior por valor de preto de 140 millóns de euros. Segundo este informe, máis do 80% das transaccións no exterior segue a producirse cara países da Unión Europea, cando hai oportunidades en mercados como Xapón ou os Estados Unidos.
O proxecto
Entre as actividades previstas no proxecto CEL Expansión 2022 subvencionadas pola Deputación está habilitar un servizo específico, baixo o nome de Gabinete Impulso Ext, para apoiar ás empresas da provincia durante este ano fronte aos efectos do conflito en Ucraína. Este servizo facilitará información útil e actualizada sobre o impacto da guerra, asesoramento sobre axudas específicas ou datos sobre os mercados alternativos para as empresas exportadoras.
Ofreceranse tamén dúas formacións específicas sobre o mercado de Estados Unidos e Xapón. O primeiro é interesante para as empresas exportadoras da provincia porque presenta oportunidades en sectores como o vitivinícola ou o do produto gourmet; o segundo porque representa unha ocasión para as industrias de produtos feitos a man, enerxías renovables, servizos asistenciais, biotecnoloxía ou distribución e loxística.