Rodríguez, autor dunha ampla produción bibliográfica no ámbito dos estudos sociolingüísticos, literario e históricos, até o punto de que algunhas das súas obras son referencias inescusábeis nestes materias, explicaranos os cambios que se producen en Galiza e na nosa comarca no contexto dos enfrontamentos da guerra dos cen anos e do petrismo e o trastamarismo.
O traballo de Rodríguez ofrece unha panorámica de conxunto sobre o Reino da Galiza no período comprendido entre o século VIII e o século XV. Así, polo mesmo figuras históricas moi presentes na comarca da Mariña, como poden ser San Rosendo ou o seu parente Osorio Guterres. O primeiro, bispo de Mondoñedo con sede en San Martiño e fundador do mosteiro de Celanova, está emparentado coa casa real galega e conforma o núcleo duro do poder rexio no periodo. O segundo, fundador do mosteiro de Lourenzá e popularmente coñecido polo Conde Santo, é outro membro da casa real galega cun papel decisivo na Alta Idade Media peninsular.
O relator desta última palestra vén de publicar recentemente con grande éxito o volume Unha etapa estelar e conflitiva do reino de Galiza (a segunda metade do século XIV), unha investigación de décadas onde descubre a relevancia do Reino da Galiza desde o século V ao XV así como os capítulos da revolta galega contra Castela da segunda metade do século XIV, liderada pola familia dos Castro e que só puido ser derrotada após décadas por un conglomerado militar internacional, cunha presenza destacada de mercenarios franceses ao servizo de Castela.
A importancia da Mariña neste período e as consecuencias do acontecido son evidentes. Sen ir máis lonxe, o condado de Ribadeo foi creado por Enrique de Trastámara para premiar ao mercenario francés Pierre Villaines que o apoiou na guerra contra os galegos. Concretamente Villaines, dirixiu as tropas que prenderon a Pedro I na batalla de Montiel, sendo nomeado por este feito conde de Ribadeo en 1369 e manténdose no cargo até que vendeu a vila en 1401.
Un nobre mariñao que participou nesta batalla foi un Moscoso, que loitou a carón de Enrique II e deu orixe ao actual señoría de Fontao, primeiramente localizado no lugar de Ferreiravella en San Martiño de Mondoñedo, onde aínda hai constancia do lugar onde estivo emprazado a fortaleza desta familia.
As localidades mariñás foron importantes bastións da causa galega en loita contra Enrique II. Así, Viveiro, como sinala Rodríguez no seu traballo, ergueuse contra o bispado de Mondoñedo, recibindo o apoio de Pedro I e de Fernán Ruiz de Castro para acadar o carácter cidade de revengo, outorgada nun primeiro momento polo rei galego Afonso VII.
Un dos personaxes centrais do período, Fernán Ruis de Castro, conde de Lemos, ten as súas orixes familiares por liña materna na Mariña. De feito os Ponce de León eran os señores da torre de Canedo en Lourenzá, propiedades que herdou Ruis de Castro, quen exerceu de comendeiro do mosteiro de Lourenzá.