Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Obras, Mónica Freire, asegura que a Xunta recúa e recoñece agora que a rehabilitación do CEIP Gregorio Sanz está financiada por fondos europeos

Ribadeo, 3 de agosto de 2022. A concelleira de Obras, Mónica Freire, asegura que a Xunta recúa e recoñece agora que a rehabilitación do CEIP Gregorio Sanz está financiada por fondos europeos.

Para a edil ribadense “o que demostra este feito é a teima da Xunta de Galicia, e tamén do voceiro do PP local, de inventarse realidades paralelas buscando unicamente réditos políticos. Se estaban tan seguros, como eles dicían, por que recúan agora, tragan o sapo de recoñecer o que tiñan que ter feito desde o principio, e facelo sen poñer en risco o financiamento destas obras tan importantes para Ribadeo”.

Freire Rancaño manifesta: “desde o goberno municipal aplaudimos a rectificación da Xunta de Galicia neste asunto, que vén agora recoñecer que o que levamos dicindo desde o equipo de goberno de Ribadeo desde fai meses é certo”.

A concelleira de Obras lembra que “no pasado pleno do mes de maio desde o noso grupo presentamos unha moción onde esixiamos á Xunta que cumprira as súas obrigas en materia de publicidade dos fondos europeos, xa que de non facerse así poríase en risco a axuda recibida para a rehabilitación do Gregorio Sanz. Explicábase nesa moción, que no cartel de obra, a Xunta de Galicia omitía conscientemente os logos e as referencias aos fondos europeos que se recibían para este fin, feito que incumpría as condicións para recibir ese diñeiro”.

Mónica Freire sinala que “coa colocación deste novo cartel, iso si con nocturnidade e aleivosía durante o mes de agosto, a Xunta de Galicia cumpre por fin coas súas obrigas legais (como temos que facer tódalas administracións), publicitando a procedencia europea dos fondos que financian estas obras no colexio”.

A edil nacionalista subliña que “desde o Concello de Ribadeo conseguimos deste xeito que esta axuda de practicamente 1.000.000 de euros non perigue pola neglixencia e irresponsabilidade da Consellería de Educación, nin polo afán do voceiro local do Partido Popular de vender fume durante meses a base de mentiras e calotes, sen importarlle poñer en perigo estas importantes obras. Desde logo que esta é unha pequena gran vitoria para Ribadeo, en primeiro lugar porque avala que o case millón de euros de fondos europeos poida dedicarse con tódalas garantías a financiar a obra de reforma do CEIP Gregorio Sanz, e en segundo lugar, porque pon no seu sitio a aqueles embusteiros que cos seus enganos e mediocridades pretenden simular facer política enganando á veciñanza do noso concello”.

E engade: “como dicía aquel filósofo grego as mentiras gañan bazas, pero a verdade gaña o xogo, e neste caso gañamos todas e todos”.

Exit mobile version