Ribadeo, 29 de agosto de 2022. A Banda Municipal de Música de Ribadeo estreou 7 pezas no concerto de música de cine que ofreceu onte, domingo, no auditorio municipal Hernán Naval e que nesta ocasión ía dirixido fundamentalmente @s nen@s e aos seus pais e avós.
Os temas que tocou por primeira vez a Banda ribadense, acompañados coas imaxes das películas, son: Romeo & Julieta, de Nino Rota; Circle of Life, obra de Elton John do film O Rei León; How to train your Dragon; de John Powell e pertencente á banda sonora da película Como adestrar ao teu dragón; The NeverEnding Story, de Giorgio Moroder e Klaus Doldinger, da película A historia interminable; Smallfoot, de Wayne Kirkpatrik e Karey Kirkpatrik; We don’t talk about Bruno, de Lin-Manuel Miranda e do film Encanto; e The Addams Family Theme, de Vic Mizzy e da banda sonora da película A Familia Addams.
Tamén interpretaron Star Wars, de John Williams e do film A Guerra das Galaxias; Remember me, de Kristen Anderson e Robert López e da película Coco; e Flashdance… What a feeling. Este último tema foi o bis do concerto.
O director da Banda de Ribadeo, David Ballester, agradeceu a colaboración do Concello e de Xera, Wilmar e Francisco pola montaxe para o concerto así como o esforzo que fixeron os músicos para esta actuación na que tocaron sete obras novas no repertorio da formación.