Site icon Crónica3.com A Mariña

Xa se coñecen os nove finalistas do certame “Amarte” de pintura mural na súa edición máis internacional

A decisión tomada entre o persoal de cultura e artistas recoñecidos e premiados noutras edicións inclúe entre os elixidos a persoas de 6 nacionalidades distintas

Burela, 21 de xullo de 2022. A Delegación de Cultura do Concello de Burela vén de facer pública a lista cos 9 finalistas do certame de pintura mural “Amarte”, o que califican de máis internacional de todas as edicións. Os artistas seleccionados comezarán a plasmar as súas obras sobre o muro da explanada portuaria a partir do xoves 4 de agosto e ata o domingo día 7, coincidindo como xa é habitual coa celebración da Feira do Bonito.

Desde o Concello destacan a alta participación deste ano, con 80 propostas presentadas a concurso dn total de 10 países distintos. A decisión do grupo de finalistas foi tomada entre o persoal de cultura e tres artistas participantes de edicións anteriores e con dilatada experiencia no mundo do graffiti e da pintura acrílica: David Catá, presidente do xurado nas últimas dúas edicións tanto da final como da preselección de propostas; Marcos Pereira, gañador no 2017e 2018, e Delio Rodríguez, terceiro clasificado no ano 2017.

As persoas seleccionadas para a final de Amarte son Oniel Rodríguez López, de nacionalidade cubana e residente en Lugo; Julia Postoyalkova, nacida en rusia e de orixe francesa, aínda que actualmente vive en Barcelona; Stelvia Izaura Inhala, portuguesa nacida en Angola; Paulino Borreguero García, de Murcia; Homero Preyra e Romina Ayesteran, arxentinos residentes en Barcelona; Jorge Gordillo, de Madrid; Jorge Merino, guipuzcoano con residencia actual en Madrid; e Pedro Gonzalo, pontevedrés e único representante galego.

José Díaz, concelleiro de Cultura, destacou “a gran calidade das obras” e o seu “marcado carácter internacional, que lle dá ao nome do certame máis sentido ca nunca, algo moi positivo porque teremos mostras de distintas culturas neste museo ao aire libre, como nos gusta chamarlle e con razón lle chamamos”. En canto á selección, subliñou que “tratamos de buscar o máis creativo, propostas distintas a outros anos e buscando sobre todo a calidade”, agradecendo “a David Catá, Marcos Pereira e Delio Rodriguez o seu traballo e implicación nesta decisión”.

Na final, o xurado estará composto por cinco artistas totalmente alleos ao concello. “Agardamos que esta nova edición conte con público, para o que habilitaremos cadeiras co fin de que a xente poda ver comodamente aos artistas pintar os murais”, afirmou Díaz, engadindo que “para Burela é un orgullo ter aquí a xente profesional e ofrecer á xente uns días de arte, gastronomía e cultura despois de dous anos sen poder facelo”.

Exit mobile version