Site icon Crónica3.com A Mariña

Volve o Mercado Medieval ao Castelo de Castrodouro de Alfoz, os días 15 e 16 de xullo

Alfoz, 8 de xullo, 2022. Despois do parón forzoso por mor da Pandemia provocada polo COVID-19, retómase esta festa emblemática que celebra o seu vixésimo segunda edición.

Os actos comezarán o venres 15 de xullo ás 20:00h coa Inauguración do XXII Mercado Medieval no exterior do Castelo de Castrodouro co Pregón a cargo de Pedro Reimunde Figueira, xunto a representantes da Deputación Provincial de Lugo e Concello de Alfoz.

Pedro Reimunde Figueira (Alfoz, Lugo, 1981), é neurocirurxián en Lugo e médico cooperante, tamén profesor asociado de Patoloxía Cirúrxica na Universidade da Coruña (UDC), fisioterapeuta, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte, traballou en países como Guatemala, Etiopía e Camerún. Un gran profesional e excelente persoa, embaixador de Alfoz alá onde vaia. Por iso é unha honra contar coa súa presenza como Pregoeiro do XXII Mercado Medieval.

Durante o serán do venres 15 e todo o sábado 16 de xullo, poderase gozar de espectáculos de bufóns, música en vivo, circo, romanceros, garda medieval, entrega de medallas, acrobacias e espectáculos de lume, exposicións de armas de asedio e cirurxía antiga nas salas do castelo, taller de carpintería e taller de destilería, zona infantil con xogos e paseos a cabalo, gastronomía, postos de artesanía e diversos produtos, etc. da man de grandes artistas na contorna privilexiada do Castelo de Castrodouro. Un programa pensado para todos os gustos e idades para pasar unhas xornadas inesquecibles.

O sábado 16 de xullo, ás 23:00h poñerase o broche final a esta edición co concerto do grupo folk Himnodium e coa “Queima da Fachada” espectáculo onde se combinan de forma maxistral as técnicas de manipulación do lume e a maxia da pirotecnia fría para o deleite dos asistentes: danza, malabarismos, manipulación pirófaga, que culminarán no momento máxico da queima da fachada do Castelo de Castrodouro.

O XXII Mercado Medieval está organizado polo Concello de Alfoz en colaboración coa Deputación Provincial.

Exit mobile version