Site icon Crónica3.com A Mariña

Viveiro celebra estes días o XII Mercado Renacentista co tradicional desembarco de Carlos V

A cita de recreación histórica inclúe un amplo programa de actividades

Viveiro, 6 de xullo de 2022. Viveiro celebra esta semana o XIII Mercado Renacentista, que comezará mañá, xoves 7 de xullo, e se estenderá ata o próximo domingo día 10.

“Recuperamos esta cita tras dous anos de parón pola pandemia, pero cunha ampla oferta de actividades para todas as idades e gustos”, explica a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, quen subliña que a cita renacentista “é unha referencia tanto para a nosa cidadanía como para posicionar a vila turisticamente”.

O evento central do programa será o tradicional desembarco de Carlos V, que se celebrará o venres 8 de xullo ás 20:00 na Praia de Covas. Esta cita supón un elemento diferenciador do Mercado Renacentista de Viveiro respecto doutras recreacións históricas.

Entre os elementos máis vistosos do desembarco inclúense os tradicionais cabaleiros de Viveiro, os tambores da cofradía La Piedad e a actuación das bailarinas de Sala 5. Ademais, o evento contará cos habituais personaxes, como Carlos V, Juana la Loca, Isabel de Portugal, os membros dos catro liñaxes de familias de Viveiro, entre outras.

Tamén se ofrecerá un torneo de xustas tras a chegada de Carlos V á praia de Covas. Nesta parte, enfrontaranse dous cabaleiros e realizarase ademais un combate dentro dun círculo de lume.

A continuación, toda a comitiva encabezada por Carlos V desprazarase a Viveiro, onde o historiador Suso Martínez encarnará á personaxe que recibirá ao rei na porta de Carlos V. O desfile continuará cara á Praza Maior de Viveiro, onde actuará Bágoas da Terra, cun baile de cintas, e o músico David Bellas, interpretando unha peza renacentista coa gaita.

“Dende o Concello de Viveiro agradecemos o esforzo de todas as persoas que se involucran na recreación do desembarco, tanto ós actores profesionais, como á cidadanía que se suma de forma amateur”, sinala a concelleira de Cultura, Lara Fernández Fernández-Noriega.

O programa do XII Mercado Renacentista complétase cunha ampla oferta de actividades musicais, actuacións, obradoiros, o campamento renacentista, atraccións infantís, arquería, entre outras propostas.

Exit mobile version