O alcalde, Fernando Suárez, dixo que “é importante o paso que dá o Concello ao propoñer bonificacións fiscais nos impostos municipais do IBI, do IAE e no ICIO para todas aquelas empresas que se instalen no noso concello ou xa instaladas fagan unha aposta polo emprego á hora de contrataren xente. Durante tres anos terán bonificacións que partirán dun mínimo do 50% chegando a un máximo do 95% en función do número de persoas contratadas. Confiamos que esta proposta non só orientada ao polígono industrial senón a todo o municipio poida seguir atraendo actividades económicas a Ribadeo”.
O rexedor seguiu a relatar que “no pleno fixáronse tamén os festivos locais para o vindeiro ano que quedarán no día de San Roque, 16 de agosto, e 8 de setembro, o día da Patroa. Tamén fixemos axustes orzamentarios en gastos de inversión que queremos ir desenvolvendo ao longo deste ano e que tratamos de ir adaptándonos ás situacións cambiantes da escalada de prezos nos materiais que todos, incluído os Concellos, tamén estamos a sufrir. E igualmente, aprobamos unha moción sobre o servizo de saúde mental da Mariña que nos presentou a plataforma na defensa da sanidade Pública”.
Suárez Barcia contou que “tamén no pleno demos conta da renuncia á acta de concelleira que presentou a nosa compañeira Mari Luz Álvarez Lastra, logo de 23 anos ininterrompidos de representar baixo as siglas do BNG á cidadanía deste nobre Concello. A súa marcha, tal e como ela manifesta, faise por motivos estritamente persoais e que non lle permiten xa por máis tempo compatibilizar todos os roles na súa vida”.
O alcalde ribadense subliñou: “comprendémola, apoiámola, e con tristura a despedimos, pero con recoñecemento e coa nosa total admiración por todo o traballo que ela levou adiante en todo este tempo, na oposición nos primeiros anos e nos gobernos despois até o día de hoxe. Sabemos que todos somos necesarios e que ninguén é imprescindible e que a todos nos tocará máis cedo ou máis tarde, deixar estas representacións públicas. Pero o que non teño dúbida é que a todos e todas nos gustaría facelo como ela o fai: con tranquilidade, con xenerosidade e co compromiso de seguir apoiando a esta xente que aquí seguimos e aos novos que virán. Desexámoslle o mellor nas súas responsabilidades laborais e nos seus compromisos familiares”.