Viveiro, 1 de xullo, 2022. Un helicóptero medicalizado trasladou ao menor ata o Hospital Materno Infantil da Coruña.
Sucedeu sobre as oito e media da tarde pasada. Foi a esa hora cando o persoal de Adif informaba ao 112 Galicia de que unha persoa fora alcanzada por un tren moi preto da Praza Donapetri , en Viveiro.
De inmediato, os xestores do 112 puxeron os feitos en coñecemento do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que decontado derivaron ao punto un helicóptero medicalizado e que tomou terra nun campo de fútbol moi preto do lugar.
Ademais dos medios sanitarios foron informados os Bombeiros de Viveiro, os axentes da Policía Nacional, Autonómica de Santiago e da Policía Local, así como os efectivos do Servizo Municipal de Protección Civil da localidade.
Afortunadamente, o pequeno puido ser rescatado con vida. Segundo relataron os Bombeiros ao 112 Galicia, unha UVI móbil trasladouno ata o campo de fútbol, onde a aeronave co seu equipo médico o agardaba para ser derivado ao Materno Infantil da Coruña.