José Tomé Roca visitou xunto a Luis Planas o Laboratorio Nacional de Sanidade Vexetal en Lugo e recoñeceu o apoio decidido do Goberno de España á actividade agrogandeira e do mar, con axudas para paliar o impacto da guerra aos sectores lácteo, cárnico e pesqueiro por un importe conxunto de 440M€
O mandatario provincial agradeceu a visita do Ministro e puxo en valor o seu compromiso co sector primario, “que é fundamental para a economía, para o emprego, pero tamén para preservar a identidade cultural da nosa provincia”. Puxo o foco no interese mostrado por Planas por coñecer de preto a situación do sector lucense e recoñeceu os avances no laboratorio que o Goberno vén de executar no marco da súa vontade por descentralizar a administración.
Este laboratorio completa a rede estratéxica de laboratorios veterinarios e de sanidade animal dependentes do Ministerio para reforzar a seguridade alimentaria. O Ministro destacou que é un centro en crecemento de alto nivel que reforza a seguridade das producións nacionais e, entre outros aspectos, permitir que se poida seguir exportando produtos agroalimentarios por valor de 62.000 millóns de euros, como aconteceu o ano pasado. Agora mesmo traballan nel 19 persoas, pero avanzou Planas que está en crecemento.
O Presidente da Deputación recoñeceu o apoio decidido do Goberno de España á actividade agrogandeira e do mar, con axudas para paliar o impacto da guerra aos sectores lácteo, cárnico e pesqueiro por un importe conxunto que se eleva aos 440M€. De feito, o Executivo central xa ingresou 25M€ ás ganderías de leite da provincia de Lugo.