Tomé Roca presidiu en San Marcos un acto académico, ao que seguiu o descubrimento dun monolito na Praza de Avilés, en homenaxe aos maxistrados, fiscais e letrados que promoveron esta decisión xudicial, e á Asesoría Xurídica provincial, centrais sindicais e funcionariado que, cada día co seu labor, normalizan o uso do galego no ámbito xurídico
Lugo, 29 de xullo de 2022. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presidiu este venres no Salón de Plenos do Pazo de San Marcos un acto académico en conmemoración do 37 aniversario da primeira sentenza ditada en lingua galega polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ao que seguiu o descubrimento dun monolito en homenaxe aos maxistrados, fiscais e letrados que promoveron, con esta decisión, a galeguización xudicial, pero tamén en recoñecemento da Asesoría Xurídica da institución provincial, as centrais sindicais e o funcionariado que, cada día, normalizan co seu traballo o uso da lingua galega no ámbito xurídico.
Os actos, organizados en colaboración pola Deputación, o Concello de Lugo e a Irmandade Xurídica Galega, contaron coa presenza da Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López; o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; o Presidente da Audiencia Provincial, Egdar Fernández Cloos; o xefe territorial da Consellería de Presidencia en Lugo, Gerardo Criado; o presidente da Irmandade Xurídica, Xoaquín Monteagudo; ademais de deputados e deputadas provinciais; alcaldes e alcaldesas; e maxistrados, xuíces, fiscais e abogados e abogadas.
Na súa intervención, o Presidente da Deputación subliñou que o 37 aniversario da primeira sentenza en galego, o 27 de marzo de 1985, despois de catro séculos de ausencia desta lingua no ámbito xurídico, “é unha conmemoración dun feito histórico, pero tamén unha exhortación a seguir comprometidos coa nosa lingua. Todos os días, cada un dende a nosa responsabilidade, en todos os ámbitos sociais, porque a mellor homenaxe que se lle pode facer ós nomes que aparecen no monolito que descubrimos hoxe, é repetir unha e outra vez con normalidade o que eles se atreveron a facer de maneira excepcional”.
Decisión histórica
“Moitas veces, os grandes avances da Historia chegan da man de xestos que parecen sinxelos, pero que esixen serenidade, confianza, seguridade nun mesmo, e unha dose de valentía para optar por un camiño diferente do que ata ese momento era habitual”, sinalou o Presidente. Destacou que iso foi o que pasou cun grupo de “homes e mulleres do seu tempo”, que tomaron unha decisión que “supuxo un paso transcendental no avance do proceso de normalización da nosa lingua para a incorporación do seu uso a un espazo fundamental para a sociedade como é o ámbito xurídico, e acabar, desta forma, cunha ausencia histórica de catro séculos nos que o galego estivo ignorado como linguaxe legal ou normativo”.
Así, continuou, “despois da recuperación do galego como linguaxe do Executivo e do Lexislativo derivada da aprobación do Estatuto de Autonomía de Galicia, o terceiro poder do Estado democrático, o Xudicial, avanzaba no proceso de normalización lingüística”.
Hai 37 anos, “a Xustiza falou con claridade, e ditou, en realidade, dúas resolucións. Unha, moi concreta, foi unha sentenza en galego. A outra, de moito maior alcance, foi unha decisión histórica para o devir da lingua galega na provincia de Lugo e en Galicia. A sentenza clara e firme de que non había, nin habería xa no futuro, ningún impedimento para que os galegos e galegas falásemos coa Xustiza na nosa lingua, e que a Xustiza nos respondese do mesmo xeito”, asegurou José Tomé.
Lembrar a historia como incentivo para seguir traballando
“Lembrar e poñer en valor a nosa historia ten que servir como incentivo para continuar traballando para mellorar de cara ao futuro”. Polo tanto, recalcou o mandatario provincial, “temos que seguir impulsando o uso do galego en todos os ámbitos da vida. Na Administración e na Xustiza, por suposto, pero tamén naqueles eidos que teñen maior pegada nas xeracións novas -nas redes sociais, no audiovisual, na música-; tamén na investigación, na ciencia ou na tecnoloxía, porque, se non apostamos por elas, o futuro que estas disciplinas preparan, virá escrito noutras linguas”.
A pesar do esforzo feito, argumentou, “o galego non está hoxe en igualdade de condicións, e incluso sofre un declive de uso, sobre todo, entre a xente nova. Igual que deseñamos estratexias contra o reto demográfico, temos que tratar de frear tamén este envellecemento lingüístico”.
Por iso, ratificou publicamente “o compromiso absoluto como Presidente da Deputación de Lugo de seguir impulsando o uso do galego. De colaborar cos concellos para que estes conten coas ferramentas para fomentar o uso da nosa lingua en todos os eidos da súa actividade. Un obxectivo no que temos que comprometernos todos, as administracións e o conxunto da sociedade”.
“A lingua galega e a cultura son o noso capital máis importante e prezado. Constitúen a nosa identidade como pobo, e non podemos baixar os prazos na súa defensa. Se deixamos morrer a lingua dos nosos devanceiros, perdemos o patrimonio do noso pasado e quedamos sen guía para artellar o futuro. Mal proxecto de país poderíamos levar adiante entón, orfos de sentido e sen capacidade para describir o mundo con voz propia”, asegurou.
Alcaldesa de Lugo
Pola súa banda, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, reivindicou o uso do galego no ámbito xurídico “especialmente se temos en conta o carácter eminemente rural da nosa comunidade, posto que case o 70% dos veciños e veciñas de municipios de menos de 20.000 habitantes -na provincia de Lugo, todos menos a capital-, empregan máis o galego que o castelán”.
Por outra banda, a rexedora congratulouse de que “Lugo sexa a provincia onde máis xulgados adoitan utilizar a lingua galega nas resolucións xudiciais e outros trámites procesuais”. “Así mesmo, somos o concello, de entre os 7 de maior tamaño de Galicia, onde unha maior porcentaxe de poboación fala habitualmente en galego”. Neste senso, subliñou que “debemos ser conscientes da riqueza que supón contar cunha lingua propia, unha lingua válida, útil e eficaz en todos os ámbitos da vida pública e privada, tamén o da xustiza”.