Acusou ao PP de non ter nin unha soa idea para a provincia. “Están completamente alonxados da realidade desta provincia, das prioridades dos concellos e das demandas da veciñanza. E o que é máis grave, calan ante os recortes médicos, ante o peche dos centros educativos e ante o desmantelamento da nosa industria”
Lugo, 23 de xullo de 2022. O PSdeG na provincia rematou este venres o proceso de renovación dos órganos do partido coa constitución do Comité Provincial, no que o Secretario Xeral, José Tomé Roca, marcou uns “obxectivos realistas e ambiciosos”, de cara ás eleccións municipais do 2023 .
O líder socialista incidiu na súa intervención diante dos militantes que estes obxectivos, “pasan por acadar representación municipal en tódolos concellos da provincia, manter e reforzar as alcaldías actuais, sumar outras novas, manter e mellorar os resultados onde o partido non goberna e asegurar a continuidade dun Goberno de esquerdas e presidido por socialistas na Deputación de Lugo”.
Para iso, explicou, está desenvolvendo un traballo estratéxico, planificado, coordinado, en equipo, en todos os concellos e partidos xudiciais, sobre o terreo, nas agrupacións, nos concellos, co tecido asociativo, para informar e para ser informados, ata chegar a maio de 2023 nas mellores condición e acadar os mellores resultados.
Vaga de incendios e responsabilidades
Tomé Roca comezou o seu discurso enviando unha mensaxe de recordo e apoio aos afectados polos lumes na provincia e para tódolos efectivos que traballan para apagalos. “A prioridade nestes intres é salvar vidas e apagar os incendios. Dende a Deputación de Lugo seguimos colaborando co dispositivo de loita contra os lumes cos recursos dos que dispoñemos. Todos desexamos que remate pronto este pesadelo, e nese momento, será o de pedir toda a información sobre como se actuou e esixir responsabilidades. É evidente que existen deficiencias tanto na prevención como na planificacion dos incendios. Por iso dende o PSdeG creemos que é necesario un acordo de pais que reformule o modelo de loita contra os lumes e implantar un servizo único, profesionalizado e plenamente equipado. Galicia necesita un modelo no que se faga prevención todo o ano”, insistiu.
Medidas para transformar a economía e protexer a maioría social
O Secretario Xeral puxo en valor as medidas do Goberno de Pedro Sánchez, para transformar a economía e protexer a maioría social, nuns tempos realmente difíciles, primeiro pola pandemia e agora pola guerra de Putin. “Nada nos pode ser indiferente aos socialistas, estamos obrigados a tomar decisións, valentes e ambiciosas. Sabemos ben quen somos e que queremos, por iso coma sempre, as nosas prioridades son os traballadores e as clases sociais mais desfavorecidas”.
Nestes intres, o Goberno de Pedro Sánchez está gobernando para superar esta situación, e ao mesmo tempo para transformar a economía e protexer a maioría social do país. “E faino a través de medidas como as bonificacións de combustibles ou a rebaixa do IVE no consumo eléctrico, ou a recuperación do poder adquisitivo das pensións, coa suba dun 15% para as non contributivas, e a subida do Ingreso Mínimo Vital. E tamén coas axudas aos autónomos, parados, gandeiros, agricultores así como para os sectores da pesca ou o transporte”.
Ademais diso, “aprobamos un novo imposto para as entidades bancarias e as grandes empresas enerxéticas. Becas complementarias, medidas para a limitación nos alugueres. E promovemos a reforma laboral a pesar da crise económica e enerxética para a creación e o mantemento do emprego, con iniciativas como a suba histórica no Salario Mínimo Interprofesional que pasou do 775 euros co PP, aos 1.000 euros actuais”.
O Secretario Xeral na provincia aludiu ao traballo que se está impulsando dende a Deputación de Lugo para responder ás necesidades da provincia. “Unha política de feitos e realidades afastadas dos xestos populistas do PP. Por unha banda, recuperamos a normalidade institucional, e estamos traballando cun bo ritmo de traballo elevadp e constante”.
As políticas sociais, unha prioridade na Deputación
Remarcou que as políticas sociais son as prioritarias na súa folla de ruta “ás que lles adicamos máis dun tercio do orzamento. Outra clave segue sendo a cooperación cos concellos para que poidan ofrecer máis e mellores servizos, así como o apoio incondicional aos sectores produtivos da nosa provincia. E sen esquecer mellorar as nosas vías de comunicación, que son un factor esencial para mellorar a vida da xente, fixar poboación e dinamizar a economía e o emprego e facer competitivo ao territorio”.
Tomé Roca acusou ao PP de non ter nin unha soa idea para a provincia. “Están completamente alonxados da realidade desta provincia, das prioridades dos concellos e das demandas da veciñanza. E o que é máis grave, calan ante os recortes médicos, ante o peche dos centros educativos e ante o desmantelamento da nosa industria”, replicou.
“Aquí sufrimos a inacción do PP e comprobamos diariamente como se castiga a esta provincia, xa que son os campións das promesas incumpridas”. E lembrou o anuncio da empresa ALTRI, “neste asunto xogaron cos sentimentos da xente anunciando que iría para a Mariña, para logo anunciar a súa instalación noutro punto da provincia. Unha auténtica traizón”, afirmou Tomé.
Dende a secretaria provincial seguimos desenvolvendo un plan de traballo “planificado e coordinado”, coa vista posta nas vindeiras eleccións e coa participación de tódolos cargos públicos, institucionais e orgánicos do Partido. E proseguiu “estamos impulsando unha axenda política e orgánica para ter presenza en todo o territorio e atender ás demandas dos nosos concellos, as nosas agrupacións e por suposto de toda a veciñanza”. “Nestes últimos meses participamos en preto de 200 actos con presenza en múltiples acontecementos de carácter público, e vamos a seguir nesa senda”, puntualizou.
Representantes comarcais
No que atinxe ás cuestións orgánicas xa están elixidos os novos representantes comarcais. Marta Rey é a nova coordinadora na Mariña; Miguel Ángel Crende en Lugo; Rafael García no Suroeste; Iván Castro na comarca de Sarria; José Luís Losada en Monforte de Lemos; na Comarca da Terra Chá, Constantino García e na Montaña con José Ángel Fernández Carrin. Con estes nomeamentos, o PSdeG afronta unha nova etapa na que seguiremos traballando e defendendo os nosos concellos, tanto no Goberno como na oposición.
Hoxe en Ferraz
O secretario Xeral do PSdeG na provincia, José Tomé Roca, xunto a Secretaria de Organización, Pilar García Porto, participan hoxe en Ferraz no Comité Federal do PSOE, no que se vai aprobar o calendario das primarias, así como a renovación nas portavocias do partido que xa foron anunciadas.