Ribadeo, 8 de xullo de 2022. A vila está lista para a celebración do VII Ribadeo Indiano. O alcalde, Fernando Suárez, dixo que é unha cita que forma parte do imaxinario colectivo de Ribadeo, que é historia lembrada e dignificada, que é arte e que reflicte o compromiso de todo un pobo.
O rexedor comentou que “chegou o día, chegou o momento deste evento creado como quen di hai catro días, pero parece que xa forma parte do adn e do imaxinario colectivo deste noso Ribadeo. Logo desta triste pandemia que todos vivimos ao longo de dous anos, todo o mundo quere volver a vivir, quere volver a reencontrarse coas súas familias, coas súas amizades, e qué mellor marco que este Ribadeo Indiano”.
Suárez Barcia sinalou que “é unha festa, porque o é, tamén é historia lembrada e dignificada, porque igualmente o é. Tamén e arte, arte na rúa, porque o merecemos, e tamén desde logo é o compromiso de todo un pobo, de xente do común, de xente de aquí de xente de acolá, da hostalería que se afana cos últimos toques para este fin de semana”.
E engadiu: “así que o noso desexo como goberno municipal e como Corporación, e como Acisa que é a outra parte que organizamos esta festa, desexamos que o pasedes todos moi ben e que gocedes deste Ribadeo Indiano. Vémonos ao longo deste fin de semana en Ribadeo”.
As rúas e as prazas xa están engalanadas desde hai días. Onte á noite seguían os últimos retoques, a instalacións de xardineiras con flores para darlle aínda máis colorido a esta cita. Unhas tarefas nas que participaron o alcalde, Fernando Suárez, e os concelleiros de Medio Ambiente, Obras e Turismo, Jorge Díaz, Mónica Freire e Pablo Vizoso. O grande escenario que albergará o concerto da mexicana Lila Downs xa está instalado na rúa San Roque, onde tamén actuarán a Banda Municipal de Música de Ribadeo e onde terá lugar o Festival de Habaneras, que organiza a Coral Polifónica ribadense. Na indiana rúa San Roque están situados tamén os postos que mañá participarán no Mercado de Ultramar.
O VII Ribadeo Indiano arrinca esta tarde no Teatro ás 19:00 horas coa presentación do evento, ao que seguirá o pregón que pronunciará a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez. E logo terá lugar o tradicional desembarco en Porcillán a partir das 20.30 horas. E xa pola noite haberá actuacións musicais no quiosco da música do Campo de San Francisco, entre outras actividades.