Fai fincapé nas boas previsións que se agardan de cara ao verán en canto á ocupación turística cunha media do 75-90% entre xullo e agosto
Ourol, 5 de xullo de 2022. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o apoio da Xunta ao turismo como un dos motores para dinamizar a economía e o emprego rural. A este respecto, fixo alusión á liña de axudas para a mellora de infraestruturas de establecementos turísticos (2 M€), ás achegas aos concellos de ata 10.000 habitantes para a recuperación de recursos turísticos, aos acordos coa Federación Galega de Turismo Rural para impulsar as reservas online, aos plans de Sustentabilidade Turística en Destino ou á creación de Xeodestinos.
Ademais, tamén se referiu ao programa Leader ao que o Goberno galego destinou entre 2014 e 2020 71,5 M€ de axudas públicas para apoiar case 1.500 proxectos que consolidaron ou xeraron máis de 4.000 empregos.
Durante a inauguración do que será o primeiro complexo de turismo rural vegano de Galicia, que estará integrado por 7 inmobles, contará con 31 prazas de aloxamento e terá no seu restaurante unha carta 100% vexetal, Rueda agradeceulle á promotora, Hardly Pascale, que apostase por un proxecto que supón devolverlle a vida a unha aldea que levaba abandonada desde hai máis de 30 anos.
Sobre este punto, o presidente da Xunta insistiu en aínda que o turismo rural e sostible está en auxe e Galicia xa é un destino de referencia, é preciso seguir impulsando iniciativas innovadoras para revitalizar as nosas aldeas. Galicia ten un verdadeiro potencial nas súas aldeas, ten natureza, paisaxes e recunchos e establecementos turísticos de excelencia dixo, poñendo en valor que dos 31 aloxamentos rurais que teñen o distintivo Q de calidade Turística en España o 61 % están na nosa Comunidade.
Por último, Rueda fixo fincapé nas boas previsións que se agardan de cara ao verán en canto á ocupación turística cunha media do 75-90% entre xullo e agosto, logo de que nos primeiros cinco meses do ano se rexistraran 1,7 millóns de viaxeiros aloxados e 159.000 compostelas entregadas.