Site icon Crónica3.com A Mariña

Rouco: “O alcalde non ten ningún pudor á hora de mentir aos bureleses sobre a situación do cemiterio”

“A pesar de que unha asociación lle recordou o tema a comezos deste mandato e dixo que estaba a buscar unha solución, pasaron os anos e nada de nada: un suma e segue do goberno á hora de poñerse de perfil”, considera

Burela, 29 de xullo de 2022. O voceiro do Grupo Municipal Popular de Burela, Manuel Rouco, considera “unha falta de respecto aos veciños e veciñas” as declaracións do alcalde socialista sobre o cemiterio da Puída. “O señor Llano e o seu goberno eran perfectamente coñecedores da situación na que se atopaba o campo santo dende fai anos. Cando menos, dende o ano 2007 cando entrou a gobernar en Burela en coalición co BNG. Nin daquela nin agora fixo absolutamente nada por resolver a controversia xurdida pola situación na que se atopa o cemiterio de Burela”.

“Ao comezo deste mesmo mandato unha asociación representativa de Burela encargouse de lembrarlle o tema. Daquela dixo que estaba a buscar unha solución, pero os anos pasaron e nada de nada. Un suma e segue do goberno do señor Llano á hora de poñerse de perfil ante as situacións que debe resolver un alcalde e o seu goberno. Non entendemos como o alcalde non garda o máis mínimo de pudor á hora de mentirlle á veciñanza da nosa vila”, manifesta Rouco.

O voceiro popular explica que “houbo máis cores políticas á fronte do Concello de Burela dende a súa constitución, pero o certo é que dende o actual Grupo Municipal Popular descoñecemos os pormenores das necesidades dos gobernos daquel entón. Si temos recente na memoria, por exemplo, a prioridade do último goberno popular da nosa vila: pagar as débedas que deixara o bipartito formado polo PSOE e o BNG entre os anos 2007 e 2011, cando ao Concello lle querían cortar a luz por impagos á compañía eléctrica. Neste sentido, Rouco sinala que “este foi un dos motivos polos que non puido deixar aclarada esta situación”.

Rouco asegura que “o que si pode constatar o Grupo Municipal Popular que neste mandato que estamos a vivir en primeira persoa é que o goberno do señor Llano, coma na maioría dos asuntos municipais, fai o que mellor se lle da: absolutamente nada”, condena.

Exit mobile version