En palabras do alcalde, Fran Cajoto, “estas obras permiten garantir a continuidade do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico, que se encontraba cortado neste punto, por mor dun derrube acontecido hai xa máis de 5 anos. Para nós era unha prioridade darlle continuidade e evitar riscos a todos os que continuaban a camiñar pola zona, veciños e visitantes. Fíxose unha reconstrución da parte derruída e dun reforzo do conxunto, cun firme rematado en zahorra. Agora é seguro camiñar nas dúas marxes da ría de Fazouro”.
Estas obras súmanse a outros traballos feitos polo Concello, como a recente consolidación dun noiro na zona central de Llas, ou pola Demarcación de Costas: no ano 2020, a reposición da escaleira de baixada do lado de Fazouro e a rehabilitación de rampla lado de Nois; e no ano 2021, a escollera en Llas, na zona do Cu do Castro.
Fran Cajoto engade que “o Concello de Foz segue a promover a reparación, adecentamento e construción de sendas litorais. Froito das xestións realizadas, a Demarcación de Costas do Ministerio de Transición Ecolóxica aprobou a finais do ano 2021 e comezos deste ano 2022 os proxectos do paseo marítimo entre as praias de Peizás e A Pampillosa e a estabilización medioambiental do sistema dunar da praia de Llas”.