Foz, 3 de xullo de 2022. O Concello de Foz rematou as obras de rehabilitación da escollera da marxe esquerda da desembocadura do río Ouro, en Fazouro. Financiadas con fondos propios municipais con cargo aos orzamentos do ano 2021, os traballos ascenderon a un importe de 32.181,18 euros (IVE incluído).
En palabras do alcalde, Fran Cajoto, “estas obras permiten garantir a continuidade do Camiño Natural da Ruta do Cantábrico, que se encontraba cortado neste punto, por mor dun derrube acontecido hai xa máis de 5 anos. Para nós era unha prioridade darlle continuidade e evitar riscos a todos os que continuaban a camiñar pola zona, veciños e visitantes. Fíxose unha reconstrución da parte derruída e dun reforzo do conxunto, cun firme rematado en zahorra. Agora é seguro camiñar nas dúas marxes da ría de Fazouro”.
Estas obras súmanse a outros traballos feitos polo Concello, como a recente consolidación dun noiro na zona central de Llas, ou pola Demarcación de Costas: no ano 2020, a reposición da escaleira de baixada do lado de Fazouro e a rehabilitación de rampla lado de Nois; e no ano 2021, a escollera en Llas, na zona do Cu do Castro.
Fran Cajoto engade que “o Concello de Foz segue a promover a reparación, adecentamento e construción de sendas litorais. Froito das xestións realizadas, a Demarcación de Costas do Ministerio de Transición Ecolóxica aprobou a finais do ano 2021 e comezos deste ano 2022 os proxectos do paseo marítimo entre as praias de Peizás e A Pampillosa e a estabilización medioambiental do sistema dunar da praia de Llas”.