Foz, 12 de xullo, 2022. O Presidente do C.D. Foz, José María García Rivera, e a concelleira de Xuventude e Deportes, Gema Méndez Leivas, presentaron o XXXIII Trofeo Vila de Foz, que disputarán a S.D. Ponferradina e o C.D. Lugo.
O vindeiro sábado, 16 de xullo, Día do Carme, teremos tamén unha gran festa no estadio Martínez Otero, co encontro entre a S.D. Ponferradina e o C.D. Lugo.
A partir das 19:00h estes dous excelentes equipos xogaranse o XXXIII Trofeo Vila de Foz.
O presidente do C.D. Foz agradeceu a disposición dos clubs para participar deste día grande en Foz e continuar a historia deste trofeo que xa vai pola trixésima terceira edición. Así tamén, explicou que as persoas que desexen adquirir as entradas anticipadamente poderán facelo no Martínez Otero, o venres 15, de 18h a 20h, o sábado 16, de 11h a 13h e desde as 17h ata o inicio do encontro.
Pola súa banda, a concelleira de Xuventude e Deportes, ademais de dar as grazas ao C.D. Foz pola organización e aos clubs por participar neste fermoso evento, nun día tan especial para todas as focegos e focegas, animou a achegarse a gozar do gran fútbol que seguro que nos amosarán estes dous equipos aos que lles desexamos unha tempada chea de éxitos.