Trátase dun “novo atropelo da autonomía local” e un “ataque á libre competencia”, en tanto que a Goberno será “árbitro e xogador ó mesmo tempo: regula o mercado da auga, establece as normas e opera cunha empresa no propio sector”
Por iso, o PSdeG defenderá no vindeiro Pleno da Deputación, que se celebrará este martes, unha moción para reclamar ó Goberno galego un Plan Estratéxico consensuado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) no que se contemplen as infraestruturas, o territorio, as contías, o financiamento e as datas de execución; e que se arbitren as fórmulas precisas para que a Xunta, de acordo con ese plan, opte ós fondos Next Generation habilitados para o tipo de infraestruturas recollidas no ámbito desta Lei.
Solicitan tamén que “se garanta un mínimo de retorno do canon que pagan os concellos e veciños para o abastecemento e saneamento da auga”, que calquera iniciativa no eido do subministro e saneamento se adopte coa opinión dos concellos, as deputacións e a FEGAMP, e que o desenvolvemento das infraestruturas precisas non supoña un incremento sobre o prezo que pagan actualmente os fogares galegos pola auga.
O PSdeG lembra que a Conselleira de Infraestruturas e Territorio, Ethel Vázquez, presentou no 2019 un informe sobre a Problemática e situación da prestación dos servizos de saneamento en Galicia, no que cargaba sobre os concellos todas as culpas das deficiencias nas infraestruturas precisas para desenvolver unha xestión eficiente do ciclo da auga e propoñía a creación dunha Sogama da auga. O rexeitamento amosado pola maioría dos concellos a aquela iniciativa non freou as intencións da Xunta, e o 22 de xullo de 2021 iniciouse a tramitación do anteproxecto de Lei de Mellora da Xestión do Ciclo Integral da Auga, aprobada o 28 de xuño deste ano no Parlamento de Galicia co único apoio do PP.
Cada fogar galego pagará de media 33€ máis ó ano
A nova Lei, que deixou aprobada Núñez Feijóo, crea tres novas taxas -a de xestión das depuradoras, a de xestión dos colectores e a de abastecemento- e na propia memoria económica a Xunta contempla unha subida nos ingresos de 50M€ ó ano.
Tras a análise dun total de 74 ordenanzas fiscais doutros tantos concellos galegos, a conclusión é que, de media, cada fogar galego terá que pagar 33€ máis ó ano no recibo da auga.
A Lei supón, así mesmo, unha “extorsión ós concellos”, pois só aqueles que lle cedan a xestión da auga á Xunta recibirán investimentos nas infraestruturas da rede de augas e depuración, e “un novo atropelo da autonomía local” e un “ataque á libre competencia”, en tanto que a Xunta será “árbitro e xogador ó mesmo tempo: regula o mercado da auga, establece as normas e opera cunha empresa no propio sector”.