Ribadeo, 27 de xullo de 2022. O 31 de xullo celebrarase no Mercado dos Domingos unha nova edición de Toma Tomate. Haberá desfile, música e os bares da contorna ofrecerán tapiñas elaboradas con este produto da horta.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, dixo que “o Concello de Ribadeo, na súa aposta pola promoción da alimentación saudable, sostible e polo produto de proximidade, continúa como todos os veráns a realizar eventos dentro do Mercado dos Domingos. Así o 31 de xullo terá lugar unha cita dedicada ao tomate”.
O edil ribadense sinalou que “o tomate é ese produto que ten orixinado moitas expresións da nosa fala cotiá como toma tomate ou aquí hai tomate e que deixa constancia da súa enorme popularidade. Trátase dunha hortaliza que forma parte e se integra en moitas das receitas dos nosos menús. E é especialmente no verán o momento no que está no seu máximo esplendor”.
Vizoso Galdo explicou que “Toma Tomate así se chamará este evento, que terá lugar o vindeiro, 31 de xullo, no Mercado dos Domingos. Ao longo desa mañá, ademais da venda directa dos produtores e produtoras que forman parte deste mercado, terán lugar unha serie de actividades que teñen coma fío condutor o tomate. E así teremos a partir das 11.30 da mañá unha actividade de entretemento e coñecemento denominada Tira da Ruleta, que está dirixida a todos os públicos. Ás 12.30 haberá un Desfile de Tomates. Ás 13.50 contaremos con música no mercado con Tomaccos. E ao longo da mañá o Centro Pedro Murias ofrecerá unha mostra de tomates cultivados na súa finca. Ademais tamén se poderán degustar tapiñas nalgúns dos establecementos da contorna do Mercado dos Domingos”.
O Bar Queimada ofrecerá guiso de tomate e polbo e gazpacho doce de tomate. A proposta do Bar A Ribeira será tomate recheo e o Fumarel servirá cabala mariñada sobre tomate da horta.