Recibiron unha breve explicación sobre a importancia dunha alimentación sana e equilibrada, desfrutaron dunha degustación e entregóuselles algún agasallo da campaña
Burela, 7 de xullo de 2022. Un total de 70 nenas e nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 12 anos e que están a participar na Ocioteca de Verán do Concello de Burela veñen de realizar o programa “Fai clic ao teu bocata”, creado pola Consellería do Mar.
Esta iniciativa foi deseñada co obxectivo de facilitar o coñecemento e consumo de produtos en conserva do mar de Galicia entre as crianzas da nosa comunidade, e tamén co fin de incidir e equilibrar as súas dietas alimentarias.
A Ocioteca de Verán foi o espazo onde os pequenos participaron do programa, recibindo unha pequena explicación sobre a importancia de consumir peixe e produtos do mar como mínimo unhas 3 ou 4 veces por semana.
Nesa primeira parte explicativa púxose de relevo a alimentación sana e equilibrada, conxugando a teoría con varios xogos para integrar a aprendizaxe individual e colectiva.
Ao remate da sesión puideron degustar uns deliciosos bocatas de leituga, queixo, tomate e sardiñas en lata, compartindo entre eles o sabor destes produtos que a programa quere enxalzar.
Finalmente, todas as nenas e nenos recibiron uns agasallos identificativos desta campaña.