A través dun manifesto, os populares salientan o papel da súa organización na “construción da Galicia moderna que hoxe coñecemos”, que segue traballando para que a nosa terra teña cada vez máis presencia “no mapa de España, Europa e o mundo”
Mondoñedo, 22, xullo, 2022. O PPdeG reivindicou o “galeguismo integrador” dun partido que “pon o ben común e a vocación de servizo público por diante de protagonismos, egolatrías ou liortas internas propias”, como demostraron os populares recentemente “culminando un importante e impecable proceso de reestruturación áxil e ordenado”.
Así queda expresado no Manifesto da formación co gallo do Día de Galicia, cuxa lectura correu a cargo da presidenta provincial do PP de Lugo, Elena Candia, e que tivo lugar nun acto conmemorativo que os populares celebraron en Mondoñedo. A este evento, no que se puxo en valor a figura e o legado do escritor Álvaro Cunqueiro, asistiron tamén o presidente do PPdeG, Alfonso Rueda, e a secretaria xeral, Paula Prado.
Tralas intervencións do alcalde de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero, e do director da Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, Armando Requeixo, a xornada tamén contou coa participación da directora e dalgúns alumnos do CEIP Plurilingüe Álvaro Cunqueiro, que leron fragmentos da obra do autor que lle dá nome a ese centro de estudos.
UN SÓ OBXECTIVO: GALICIA
A través do seu Manifesto, os populares definen a súa organización como un “partido centrado, ordenado, reformista e galeguista, que tivo e ten a responsabilidade de gobernar a construción da Galicia moderna que hoxe coñecemos, coa vocación de seguir situando a nosa terra cada vez con máis peso, importancia e presencia no mapa de España, Europa e o mundo”.
“O noso obxectivo é só un: Galicia”, recolle o texto do PPdeG, que se reafirma no galeguismo integrador “entendido desde a familia común dun partido nacional con vocación de Goberno en España que ao mesmo é o que máis se parece a Galicia”.
O FONDO GALEGUISMO DE CUNQUEIRO
A formación tamén resaltou o “fondo galeguismo” que impregnaba as mensaxes universais de Álvaro Cunqueiro, cuxa obra “transcendeu á súa inmensa personalidade”.
Ao igual que os populares, o autor mindoniense “nunca someteu o seu ideario galeguista ás ideoloxías moitas veces contraditorias e sempre conflitivas da esquerda nin ás case sempre supremacistas dos distintos nacionalismos”, sendo “coherente cun pensamento de centro dereita”.