Os populares consideran inexplicable que o Concello só actuara sobre unha das pérgolas, cuxo bo estado actual contrasta co aspecto de abandono que ten o resto do paseo
Os concelleiros populares, que teñen por portavoz a Óscar Rodríguez, lembran que “en xuño, no paseo marítimo de Covas, comezouse a pintar unha pérgola. Os veciños que pasean a diario animábanse a realizar comentarios ilusionados pola mellora do paseo. Pintouse a pérgola, a poucos días retirouse as estadas e, a desilusión deu paso a comentarios sarcásticos”.
A concelleira Teresa Pérez di que “é difícil de entender para as persoas que non ocupan postos no goberno municipal como é posible que con persoal, unhas hidrolimpadoras e un pequeno orzamento para pintura e baldosas, non se lle poida lavar a cara a un dos paseos marítimos máis bonitos da mariña lucense”.
No PP lembran que levan avisando dende 2019 da necesidade de acometer melloras no paseo. Pérez destaca que “dende entón, só pintaron os farois e substituíron algunhas baldosas”. Engade: “O ano pasado chamamos a atención pola caseta dos socorristas, para que nos próximos anos se instalara unha caseta acorde á estética do lugar no que se sitúa xa estamos a comezar xullo e aínda non se instalou”.