Os populares queren que o goberno local adopte as medidas necesarias para repoñer a normalidade no entronque da pista coa N-540
Viveiro, 6 de xullo de 2022. É obriga dos goberno locais coñecer con prontitude e detalle os problemas que afectan as vías de comunicación que dependen do Concello, para resolvelos o antes posible. Como ocorre nos demais ámbitos de xestión, o goberno de Viveiro, presidido pola socialista María Loureiro, no que se refire as estradas municipais, ou non ten información ou, se a ten, non é capaz de dar resposta aos problemas. Así o entende o portavoz popular, Óscar Rodríguez, á vista de que en Landrove alguén instalou un sinal de dirección prohibida co letreiro “Excepto residentes” ao inicio dunha pista municipal. Dado que se trata dunha vía pública, os populares piden explicacións á alcaldesa, facéndose eco da preocupación e malestar da maioría dos veciños.
O portavoz municipal do PP, Óscar Rodríguez, e o tamén concelleiro do partido José Ramón Soto desprazáronse a Landrove a petición dalgúns veciños para comprobar in situ o corte da pista. Esta vía municipal arranca da estrada LU-540 (Viveiro-Cabreiros), no punto quilométrico 4.200. O sinal, co citado letreiro, está instalado no principio da pista municipal, mesmo na intersección coa N-540.
Rodríguez di: “Os veciños lembran que se trata dunha pista municipal e polo tanto non pode ser tratada como se fora un acceso a un terreo privado. Esta pista conduce ao polígono industrial, polo que non se entende que non se poida circular por ela. En todo caso, queremos saber quen e por que puxo ese sinal de dirección prohibida”.