Os populares lamentan “a pouca altura de miras” do goberno local socialista que “está máis centrado en criticar o que fan outros Concellos que en traballar”
“Os peregrinos débense sentir atraídos polo noso concello e levar un grato recordo del, pero non sempre atopan os servizos que precisan”, explican. Nese sentido, poñen como exemplo que o pasado 8 de xullo un grupo de peregrinos quería selar a súa credencial ás sete da tarde, pero non tiñan onde. Sorte que estaba a igrexa aberta”. En relación á imaxe do entorno da igrexa, explican que “o goberno local ben sabe o resultado de sacar unha foto da igrexa dende o fondo da praza Linares Rivas”.
Dende o PP local non entenden “que ao goberno laurentino lle moleste que outros Concellos impulsen o Camiño”. De feito, lamentan “a pouca altura de miras do goberno socialista” que parece “centrar máis os seus esforzos en criticar que en traballar. O Camiño é un instrumento de oportunidades e non un recurso para a confrontación política” porque, isto último, “non supón ningún beneficio para Lourenzá nin os seus veciños”.
Mellorar e aportar en beneficio de Lourenzá
Os populares defenden que “o noso traballo -incluídas as iniciativas do Grupo Municipal Popular- ten como obxectivo mellorar e aportar ideas en beneficio de Lourenzá e dos nosos veciños. Entendemos que o goberno local non pode decidir que a xente traballe ou monte un negocio na localidade, pero si está nas súas mans traballar para intentar fomentar que a xente teña interese en asentarse no noso concello”. Así mesmo, aseguran que “en ningún momento criticamos a ningún traballador”. De feito, “estamos orgullosos da xente que traballa por Lourenzá”.
Nesa liña, “dende o PP laurentino temos ideas e ganas de traballar. E, entre todos, seguro que podemos facer que o noso concello sexa máis atractivo para o visitante, que a xente queira investir nel e, sobre todo, facer un pobo mellor para os nosos veciños”.
Rexeitamento aos ataques persoais
O PP local lamenta que “ante unha pregunta ao goberno socialista sobre a súa xestión; a resposta que recibimos sexa un ataque persoal ao presidente da xestora. Será a primeira e última vez que entremos neste xogo, pero gustaríanos aclarar que paga parte dos seus impostos en Lourenzá, traballa e crea emprego en Lourenzá e os veciños saben da súa colaboración altruísta con Lourenzá. Que non teña o seu domicilio neste municipio, non quere dicir que non traballe nin se preocupe por Lourenzá”.