Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz reclama a Cajoto que xestione o desbroce da área de O Carme e das estradas municipais

Os populares trasladan o malestar dos veciños polo estado en que se atopan as beiras de estradas municipais en Xinzo, Vilacendoi e Río

Foz, 6 de xullo de 2022. Hai problemas imprevistos aos que, cando se producen, hai que dar solución como se pode. Pero os gobernos non teñen escusa cando non prevén con tempo aquelas tarefas que é preciso levar a cabo cada ano, como é o desbroce das beiras das estradas e das zonas verdes. O portavoz do PP, Javier Castiñeira, insta ao alcalde Cajoto a xestionar os citados traballos tanto nas estradas municipais como en zonas verdes como a do Carme.

Castiñeira sinala: “No pasado pleno, o grupo municipal do PP trasladou ao alcalde a súa preocupación pola falta de mantemento das áreas verdes e pola falta de desbroce das estradas municipais. O alcalde, unha vez máis, nun alarde de desinterese absoluto polo que lle di a oposición, negouno”.

O portavoz popular explica: “Nós entendemos que o servizo municipal a día de hoxe é moi deficiente, porque faltan recursos, tanto humanos como maquinaria, e iso leva a que algunhas parroquias estean aínda sen rozar”. Engade: “É o caso dunha área recreativa importante, unha das máis grandes que ten o noso concello, que é a do Carme, que está sen rozar e absolutamente abandonada. Tamén os barrios de San Martiño, tanto Xinzo como Vilacendeoi e Río, son zonas nas que as estradas están sen desbrozar, o que preocupa aos veciños e ao PP”.

Os populares instan a Cajoto a cambiar de actitude e a que recolla as preocupacións do PP, que, como sinala Castiñeira, “son sempre en positivo, e resolva o problema polo ben dos veciños e para mellorar a imaxe do noso pobo”.

Exit mobile version