Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Foz insta ao goberno local a resolver o problema que mantén cortada en Forxán a vía que une a estrada xeral co Bispo Santo

Os populares fanse eco das queixas dos veciños, que teñen que soportar numerosas e grandes incomodidades

Foz, 6 de xullo de 2022. Unha vez máis, o alcalde de Foz, o socialista Cajoto, é incapaz de reaccionar con rapidez fronte a un problema que causa numerosos inconvenientes a moitos veciños. Esta vez, segundo sinala o portavoz popular, Javier Castiñeira, “o grupo municipal do PP quere denunciar que unha estrada principal no barrio de Forxán, concretamente a que comunica a estrada xeral co Bispo Santo, está cortada dende o 23 de xuño, vai facer dúas semanas. Ninguén no goberno local, presidido por Cajoto, quere dar unha solución aos veciños”.

Castiñeira explica: “Parece que a causa é que un camión tirou un cable e iso é o que provoca o corte”. Engade: “O que ten que facer o Concello é solucionalo canto antes e despois tratar de amañar coa propia empresa o custo dos danos, pero non se pode ter cortada unha vía de comunicación fundamental para a parroquia, como é a subida ao Santo, e non dar explicacións”.

O portavoz popular destaca que “hai moitísimos veciños que están enfadados porque as molestias son moitas e moi grandes e non teñen unha resposta concreta por parte do goberno municipal, do alcalde, que, como fai sempre, responde con evasivas e iso aos veciños non lles chega”.

Os populares instan a Cajoto e ao seu equipo a “solucionar o problema o antes posible, posto que se están causando moitas dificultades ao barrio de Forxán”.

Exit mobile version