Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Barreiros ofrece ao goberno local colaboración e a súa experiencia para buscar fórmulas para contratar os socorristas necesarios para este verán

O portavoz popular, José Manuel Gómez Puente, di que queda aínda moito verán por diante e hai que conseguir socorristas para prever accidentes e intervir no salvamento cando sexa preciso

Barreiros, 18 de xullo de 2022. O grupo municipal popular de Barreiros está seriamente preocupado polo déficit de socorristas nas praias do Concello e quere aportar a súa experiencia para colaborar na solución do problema. Nesta liña, presenta unha iniciativa plenaria, segundo adiantou o portavoz popular, José Manuel Gómez Puente.

O PP, sempre co ánimo de sumar para axudar a resolver os problemas do municipio, quere que o Concello solucione canto antes o déficit de socorristas para estes meses de verán nas praias de Barreiros. É unha necesidade que recentemente se puxo dramaticamente de manifesto.

Os populares queren aportar a súa experiencia para colaborar na solución do problema. Gómez Puente lembra que cando gobernaba o PP, en Barreiros había un servizo de socorristas punteiro. As circunstancias cambiaron, pero aínda así Barreiros, di o portavoz popular, ten que contar co número de socorristas necesarios para cubrir debidamente o litoral no tramo que lle corresponde.

Exit mobile version