No PP aseguran que dende que o goberno local decidiu externalizar a organización, a festa non deixou de caer
Alfoz, 21 de xullo de 2022. A máis recente edición do Mercado Medieval de Alfoz confirmou a súa caída en picado, debido aos fallos de organización que arrastra dende que asumiu a alcaldía o socialista Jorge Val. O PP de Alfoz reclama do goberno local que adopte as medidas precisas para relanzar este mercado, que chegou a ter recoñecemento en toda Galicia.
O Mercado Medieval celebrado o pasado fin de semana, segundo os populares, “puxo de manifesto a mala xestión efectuada polo goberno local”. Os populares din que os problemas comezaron ao principio do mandato, cando asumiron o goberno local Jorge Val e o seu equipo. No PP indican que “ata entón asumía a organización un grupo de veciños, que ano a ano foi mellorando a festa, ata que conseguiron que fora coñecida en toda Galicia e de fóra de Galicia; a xente de Alfoz sentíase orgullosa”.
No PP destacan que o goberno local “externalizou toda a organización e, como se viu este ano, a festa foise ao tacho”. Explican que, debido á falta de organización, houbo moi pouca xente e poucos postos; algúns xa non queren vir e, os do val, cando chegaban non encontraban a ninguén que lles dixese onde poñerse, e marchaban.
Os populares resumen así o que foi a Feira Medieval celebrada o pasado fin de semana: “Un despropósito de organización. Alfoz non merece o pobrísimo nivel que acadou o Mercado Medieval nos últimos anos.