Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de A Pontenova pon en valor a implantación pola Xunta do ciclo de soldadura e caldeirería de FP dual no IES Enrique Muruais

Destacan que o novo ciclo “resultará beneficioso para os rapaces, para as súas familias e para as empresas”

A Pontenova, 12 de xullo de 2022. A formación é peza clave para o acceso ao mundo laboral e para progresar nel. Por iso, no PP de A Pontenova poñen en valor a concesión pola Xunta de Galicia ao instituto Enrique Muruais do ciclo medio de soldadura e caldeirería de FP dual, que se impartirá no próximo curso.

O PP de A Pontenova expresa a súa satisfacción pola implantación deste ciclo que “resultará beneficioso para os rapaces, para as súas familias e para as empresas”. As xestións realizadas polo PP de A Pontenova deron froito e o próximo curso será impartido este ciclo, que consiste en dous anos de formación, de setembro a marzo no centro educativo, e de primeiros de abril a finais de agosto nas empresas, cobrando 500 euros mensuais. Por parte das empresas que participan hai compromiso de contratación das persoas que rematen o proceso de formación.

Os populares indican que a implantación deste ciclo é unha gran noticia para A Pontenova, tanto para os interesados e as súas familias como para as empresas que precisan persoal debidamente formado. “Unha vez máis, queda claro o compromiso da Xunta de Galicia, que posibilita a implantación deste ciclo, que sen dúbida dará un gran resultado en A Pontenova”, aseguran no PP.

Exit mobile version