Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP cre que a percepción da seguridade cidadá en Viveiro cae en picado e reclama da subdelegada do Goberno e da alcaldesa que adopten medidas

Os populares consideran que se necesitan medidas policiais pero tamén de intervención social para frear a crecente percepción de inseguridade que se detecta entre os veciños

Viveiro, 21 de xullo de 2022. Viveiro é unha cidade segura, segundo din as estatísticas. Pero a seguridade cidadá non só é estatística; é, tamén percepción, a percepción que teñen os veciños. E esa percepción, nestes momentos, está moi á baixa, porque o que o cidadán percibe por si mesmo e o que publican os medios de comunicación apunta a un ámbito urbano no que a seguridade retrocede con rapidez. Así o indica o portavoz do PP, Óscar Rodríguez, que reclama da subdelegada do Goberno e da alcaldesa a adopción de medidas para restaurar os niveis de seguridade cidadá que corresponden a Viveiro.

Óscar Rodríguez indica: “Nos últimos días, Viveiro foi noticia en toda España por uns incidentes que puideron ter consecuencias moi graves. Chove sobre mollado; este caso recente resultou moi chamativo, pero a percepción que teñen os veciños de Viveiro de que se está perdendo seguridade cidadá non é de hoxe”.

Os populares instan á subdelegada do Goberno, viveirense, a adoptar medidas no campo da seguridade, de maneira que os cidadáns perciban con claridade a presencia na rúa dos axentes dos corpos e forzas de seguridade. Rodríguez sinala: “Pero estes problemas non se resolven só con medidas policiais, hai que adoptar tamén medidas sociais, é aí é onde ten que xogar un papel principal o Concello, é dicir, o goberno municipal, presidido pola socialista María Loureiro”.

Óscar Rodríguez apunta que incidentes como o que se publicou profusamente nos medios españois nos últimos días danan a imaxe de Viveiro e, consecuentemente, prexudican ao municipio como destino turístico. Rodríguez destaca: “Empregamos moitos recursos públicos en promocionar Viveiro, pero con incidentes como o ocorrido estes últimos días, todo o conseguido na promoción queda reducido a cero ou pouco menos”.

Os populares, que destacan a profesionalidade dos corpos de seguridade, sinalan que é fundamental afondar na coordinación entre todos eles, de maneira que a súa presenza na rúa sexa visible durante todo o día. “Os veciños de Viveiro queremos poder saír tranquilos a rúa, nós e os nosos fillos e fillas, a calquera hora do día ou da noite”, remacha Óscar Rodríguez.

Exit mobile version