Alberto Pazos lamentou a falta de apoio do PSdeG a esta iniciativa, que “amosa a súa falta de coherencia cando lles toca aplicar aos seus compañeiros de partido a exemplaridade que esixen aos demais”
O pasado 8 de maio, un afeccionado do Portomarín Club de Fútbol denunciaba un intento de agresión a mans dun afeccionado da Sociedade Deportiva Pol durante un partido entre ambos equipos, que resultou ser o alcalde de Pol, Lino Rodríguez. “Se estas actitudes violentas son sempre condenables, aínda adquiren máis gravidade cando veñen dun responsable público que ten o deber de exemplaridade, e que ademais goza de especial protección penal pola súa condición de autoridade pública”, sinalou o viceportavoz do Grupo Popular, Alberto Pazos.
“Pero é que ademais, lonxe de arrepentirse do seu comportamento e presentar escusas públicas, o alcalde de Pol realizou manifestacións sobre este incidente en medios de comunicación absolutamente impropias dun representante público”, indicou.
Alberto Pazos puntualizou que “outra singularidade deste incidente é que o PSdeG, do que é militante o alcalde de Pol, non se ten pronunciado ao respecto destes feitos, a pesar de ser especialmente esixente respecto da exemplaridade pública cos demais, e máis aínda tendo en conta a reiteración deste comportamento por parte de Lino Rodríguez”.
O viceportavoz popular lamentou que a falta de apoio dos socialistas a esta iniciativa “amosa a súa falta de coherencia cando lles toca aplicar aos seus compañeiros de partido a exemplaridade que esixen, con gran lixeireza, aos demais grupos políticos”. “Non pedimos esta condena de maneira improvisada, senón con tempo dabondo para que puidesen facer as consultas oportunas e coñecer así a postura oficial do PSdeG e do seu secretario xeral, o señor Formoso”, explicou.