Site icon Crónica3.com A Mariña

O pago dos intereses ao antigo goberno municipal obriga a Barreiros a renunciar ao arranxo de lavadoiros e viais

A esixencia do pago dentro deste ano, obriga ao goberno municipal a modificar o orzamento, afectando á actividade ordinaria municipal

Barreiros, 19 de xullo de 2022. O pleno do Concello de Barreiros debateu onte unha proposta da alcaldía necesaria para consignar o crédito suficiente no orzamento para facer fronte ao pago dos intereses derivados dos costes xurídcios do antigo goberno en diversos procedementos xudiciais.

A alcaldesa explicou que esta modificación era precisa porque non se contemplaron inicialmente “en previsión de poder afrontalos no vindeiro exercicio, xa que a intención inicial da corporación – aprobada en pleno cos votos do Partido Popular- era fraccionar os pagos mensualmente para non afectar á tesourería municipal”.

A non aceptación deste acordo e a súa impuganción xudicial por parte dos representantes do PP, algúns deles presentes no pleno, supuxeron un auto xudicial que obriga a afrontar a totalidade do pago -superior a 116.000€ nun único pago-, polo que foi preciso cambiar os orzamentos para facer fronte a eses máis de 6.000€ de intereses que non permitiron agardar ao vindeiro exercicio económico”.

Neste sentido, explicou a rexedora, “a importancia da cantidade afecta notablemente ao día a día municipal, polo que se debe renunciar a determinados investimentos, atrasalos ou mesmo pospoñelos para outros anos”.

O caso máis evidente, e do que se deben retirar máis de 5.000€ para adicalos aos intereses, é o arranxo do lavadoiro público do Santiño, que contaba cunha subvención do Instituto de Estudos do Territorio de Galicia á que tamén se ven na obriga de renunciar por non poder contar coa parte que lle correspondería ao municipio. Tamén sufrirá atrasos a execución do plan de rebacheos municipal, que se prevía levar a cabo durante os meses de verán e que deberá agardar a contar con liquidez; “xa que facer fronte a un importe tan elevado nun concello coma Barreiros nun único pago é un imprevisto que fai abanear a tesourería municipal”.

Aprobación da proposta por representantes do goberno municipal.
Na sesión da corporación viviuse un momento de desconcerto cando o portavoz do Partido Popular –e interesado no procedemento de reclamación xudicial de ditos gastos- anunciou o voto en contra da única concelleira do seu grupo que asistiu á sesión plenaria e que quedaba libre para votar neste asunto ao non ser directamente afectada.

A alcaldesa amosou a súa sorpresa por esta posición contraria, absolutamente incongruente con ter demandado dito pago xudicialmente. Para a rexedora o que demostra esta actitude é que o único propósito das súas actuacións é perxudicar o interese xeral e minar a capacidade de actuación do actual goberno, que deberán explicar diante da veciñanza. “Presentan unha demanda xudicial pedindo o pago inmediato e agora néganse a aprobar unha modificación nos orzamentos necesaria para cumprir co que dicta o xulgado en base ao solicitado por eles mesmos”.

A proposta saiu adiante cos votos das representantes das dúas forzas que conforman o goberno municipal “por responsabilidade e porque esta modificación é imprescindible para que poida darse cumprimento a un mandato xudicial”. Tanto Ana Ermida coma Carmen Veiga amosaron o seu respecto á resolución xudicial, aínda que tamén manifestaron o disgusto pola “falla de sensibilidade do PP cos intereses xerais municipais e o intento de boicoteo ao traballo do goberno”, xa que, aseguran, é o primeiro caso no que un acreedor non acepta un plan de pagos municipal.

Exit mobile version