Patricia Otero chama a “ir todos da man ao carón do sector” fronte a unha decisión que “parece de quere aniquilar á pesca dun xeito moi evidente”
Santiago de Compostela, 07 de xullo de 2022. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, anunciou que presentará no próximo Pleno do Parlamento unha proposta de Declaración Institucional en apoio ao sector pesqueiro fronte á intención da Comisión Europea de prohibir a pesca de fondo. Otero alertou que esta medida supón un “agravio” ao sector e “parece que quere aniquilar á pesca dun xeito moi evidente”.
Otero chamou a facer “fronte común de tódalas administracións, tamén das comunidades autónomas” para ir “da man do sector pesqueiro” e que “se vexa apoiado polo Parlamento de Galicia”. Resumiu que esta intención resulta “lesiva para os intereses económicos da flota galega”, polo que lle reclama á Comisión Europea que “recapacite e abran verdadeiras vías de diálogo cos estados membros e co sector pesqueiro”.
Os socialistas galegos, dixo, queren implicar a todo o Parlamento para facer unha chamada de atención á Comisión Europea para que “recapaciten” e “paralicen esta decisión que queren levar adiante de xeito rápido”.
Explicou que esta “espada de Damocles” tería “consecuencias” para o sector pesqueiro galego que faena no Gran Sol, e sinala que unha decisión de tal calado debe estar apoiada en “informes técnicos e científicos” e dun “verdadeiro estudo de impacto socioeconómico para ver o calado real desta prohibición no sector pesqueiro”.
Patricia Otero lembrou que a decisión estase a xestar dende o regulamento específico de augas profundas de 2016, se ben esixía a elaboración dun catálogo de fondos mariños vulnerables no ano 2018 para impedir a pesca en zonas vulnerables, que a día de hoxe non existe. Agora, dixo, “á Comisión Europea éntralle a presa e parece querer darlle para adiante a este veto” sen diferenciar artes de pesca.
A intención da Comisión Europea foi anunciada polo Comisario de Pesca na Conferencia da ONU sobre os Océanos celebrada en Lisboa a finais do pasado mes de xuño, precisamente ao día seguinte de que o Comité consultivo de Pesca da UE rexeitara o ditame preceptivo para aprobar o dito Regulamento. Aquel ditame, dixo, non saíra adiante “entre outras cousas porque España votou en contra” e non acadou a maioría necesaria, e agora queren aprobalo de forma executiva.
Otero sinalou o posicionamento do goberno de España en contra desta decisión, tal e como subliñou onte o ministro de Pesca na súa visita a Burela. Advertiu de que a súa intención é levar a cuestión ao Consello de Ministros de Agricultura Pesca que se celebrará o próximo día 18, para introducilo na axenda política malia que non forma parte da axenda política.