Patricia Otero censura que o PP rexeite esta proposta impulsada polo PSdeG para acadar unha posición conxunta en contra ao veto á pesca de fondo por parte da Comisión Europea
Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2022. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero, lamentou hoxe que a “intransixencia” do PP teña impedido acordar unha Declaración Institucional impulsada polo Grupo Socialista para que o Pleno do Parlamento apoiara ao sector pesqueiro e fronte ao veto á pesca de fondo por parte da Comisión Europea.
A responsable socialista lamentou que o PP “quixera impoñer un trágala” esixindo modificar o texto para convertelo nunha declaración de adhesión do Parlamento ao Manifesto subscrito pola Xunta de Galicia o pasado 5 de xullo, ao que “os grupos parlamentarios non fóramos convidados”, e que ademais suporía “supeditar a autonomía da Cámara a un documento impulsado polo Executivo autonómico”.
A proposta presentada polos socialistas galegos trasladaba o apoio ao sector pesqueiro en contra do veto da Comisión Europea á pesca de fondo. Advertía que a intención do executivo comunitario resulta “sumamente prexudicial para os intereses da flota galega, nomeadamente das persoas que traballan na zona de litoral e Gran Sol”.
Otero lamenta que o PP se teña descolgado finalmente deste acordo para amosar “o total apoio ao sector pesqueiro galego ante unha nova ameaza das institucións comunitarias co posible veto da Comisión Europea á pesca de fondo”. Así o sinalaba nesta declaración, que rexeitaba “rotundamente” esta medida de “veto á pesca de fondo” e emprazando á súa “retirada inmediata”.
Con esta iniciativa, os socialistas galegos pedían unha declaración unánime para dirixirse á Comisión Europea, á que instaba a “establecer unha verdadeira vía de diálogo cos estados membros e co sector pesqueiro para abordar esta cuestión”. Tamén reclamaba “a elaboración de novos informes científicos e técnicos, así como estudos socioeconómicos rigorosos que permitan adoptar unha decisión con garantías ante este tema de vital transcendencia”.
O texto advirte que por parte dos órganos comunitarios “no se lles consultou aos estados membros dunha forma seria, así como tampouco se tivo en conta ao sector pesqueiro” para impulsar esta prohibición. Sinalaba finalmente que “a esta falla de diálogo preocupante súmaselles ademais que se pretende executar este veto sen achegar os suficientes argumentos científicos e técnicos que o avalen, e sen un verdadeiro estudo socioeconómico que analice o impacto desta prohibición no sector”.