A deputada Elena Suárez lembrou que a normativa actual non permite á Xunta obrigar a ningunha empresa a cambiar as súas lexítimas decisións empresariais”
Elena Suárez lamentou que o BNG rexeitara “consensuar un acordo no Parlamento galego e trasladar aos traballadores e traballadoras de Albo en Celeiro que estamos unidos na defensa dos seus postos de traballo”, cando os nacionalistas galegos “son coñecedores de que a Xunta non pode facer trámites porque a normativa actual non permite obrigar a ningunha empresa a cambiar as súas lexítimas decisións empresariais”.
FACILIDADES DA EMPRESA
“Lamentamos a decisión da empresa de pechar o centro de traballo de Albo en Celeiro sen telo comunicado previamente ao Goberno galego, e reclamamos facilidades á empresa ante unha eventual transmisión da actividade e para garantir o mantemento dos empregos na comarca”, apuntou.
Neste sentido, a deputada popular salientou os contactos que a Xunta vén mantendo desde o primeiro momento co Comité de Dirección da empresa e coa representación dos traballadores, así como con outras empresas para manter a actividade desta planta conserveira. “Desde o punto de vista laboral, o informe xustificativo aportado pola empresa para iniciar esa mobilidade dos traballadores e traballadoras está moi pouco fundamentado, ademais de que consideramos que se trata dunha medida moi agresiva que non garda proporción coa causa produtiva alegada”, manifestou.