Os populares din que o contrato do SAF, que leva tres anos caducado, non se renovará ata o final da lexislatura pola falta de xestión, pola incapacidade do goberno local e por non escoitar á oposición
Castiñeira explica: “En marzo deste mesmo ano levaron a pleno este contrato e o PP dixo ao equipo de goberno que non se contara con el para preparar este contrato tan importante porque tiña grandes fallos: estaba desactualizado, a memoria económica estaba feita en xaneiro do 2021 e estabamos en marzo de 2022 e contemplábase un IPC do 1,5 cando nesas épocas estabamos xa no 8%”. Engade: “ Probablemente isto fora froito de recursos e alegacións tanto da patronal, das empresas de xestión de asistencia social máis os propios sindicatos. Iso foi o que pasou e agora o equipo de goberno trae a presa e por urxencia a desestimación desa licitación. Naquel momento non nos quixo facer caso”. Os populares propoñían “deixalo enriba da mesa e arranxalo, pero o alcalde e o BNG dicían que estaba todo ben”.
O portavoz popular di: “Perdemos tres meses e agora o equipo de goberno decide facer caso ao PP e volver a traballar sobre ese contrato. O malo é que imos acabar a lexislatura sen adaptar ese contrato. Os máis prexudicados neste caso son os traballadores, que teñen o seu convenio desactualizado, a propia empresa, que está a facer o traballo con prezos moito menores do que o tiña que facer e seguimos poñendo en risco este servizo que é un dos máis importantes”.
En resumo, segundo sinala Castiñeira, “unha mostra máis da falta de xestión e da falta de negociación e da falta de confianza na oposición, que traballa en positivo, que di as cousas ao alcalde con base na experiencia despois de gobernar oito anos; estamos a traballar sempre para mellorar o noso concello pero o alcalde prefire pasar o rodillo. Lamentamos esta situación, non nos alegramos, pero dálle a razón ao PP nas súas denuncias en marzo de 2022”.