Ribadeo, 28 de xullo, 2022. O Festival de Cine Curto de Ribadeo “Ollo de Boi” chega no vindeiro mes de agosto para reivindicar os traballos dos cineastas da Mariña, a comarca do Eo-Navia e a provincia de Lugo, baseándose sempre neste lema: aquí faise cine.
Este festival de curtametraxes é unha dinamización artística diferente, centrada no mundo do cinema, que vén da man da dirección artística da compositora ribadense Carme Rodríguez, a colaboración do colectivo artístico As vacas fracas e o apoio da Concellería de Cultura do Concello de Ribadeo.
O evento terá lugar en dúas datas e dúas localizacións: o mércores 10 de agosto ás 20h será a semifinal no Cine de Ribadeo, e o sábado 13 de agosto ás 20h, a final, no Cine Teatro de Ribadeo.
Paralelamente ao festival, haberá unha intervención artística a cargo do colectivo As vacas fracas, coa realización dun photocall que dea a benvida ao público, para somerxelo na experiencia que é asistir a un festival de cine, e outras actividades artísticas que encherán de cor a Rúa San Roque.
O Festival, centrado na curtametraxe como un expositor de novos talentos e propostas artísticas intrépidas, albergará oito proxectos premiados en festivais nacionais e internacionais, todos eles obra de creadores e creadoras da nosa zona. A ambos escenarios asistirán os directores e directoras das curtametraxes seleccionadas, así coma outros membros dos equipos, para presentarnos en directo os seus traballos.
O público terá un papel fundamental nas dúas proxeccións, xa que será o que determine, mediante o seu voto, que curtametraxes pasan á final do sábado, e finalmente, que curtametraxe resulta gañadora do Premio Ollo de Boi.
En Ollo de Boi, Festival de Cine Curto de Ribadeo, queremos amosar que aquí, entre nós, ás veces en formato curto, tamén se fai cine.