Site icon Crónica3.com A Mariña

O convenio co Concello de Trabada sobre o subministro de auga, un dos temas do pleno de Ribadeo deste xoves

Ribadeo, 14 de xullo de 2022. Hoxe, xoves 14, terá lugar o pleno ordinario do mes de xullo do Concello de Ribadeo. Entre os asuntos a tratar figuran un convenio co Concello de Trabada sobre o subministro de auga, a adhesión a unha iniciativa da Fegamp e da Xunta e os festivos locais para 2023, que será o 16 de agosto e o 8 de setembro.

O alcalde, Fernando Suárez, referiuse a algúns dos temas que se abordarán na sesióin plenaria desta tarde: “un deles vai ser dar conta dun convenio que manteremos co veciño Concello de Trabada no tocante ao subministro de auga a varias parroquias dese Concello a través da acometida municipal de Ribadeo que toma a auga precisamente desde o Río Eo, no lugar de Vilarbetote. Trátase dun primeiro paso para normalizar e afianzar os compromisos mutuos de boa vecindade que redundan sempre na mellora dos servizos públicos para os veciños e para as veciñas”.

O rexedor contou que “outro punto vai ser a adhesión a unha iniciativa da Fegamp e máis da Xunta para fomentar a implantación e fixación de empresas mediante a asunción de compromisos de axilidade, que xa temos por suposto, na concesión de licencias de obra, ou o que é novidoso, o compromiso dunha bonificación fiscal tanto no IBI, no IAE e no ICIO para aquelas empresas que creen emprego estable podendo chegar dun mínimo do 50% a un máximo do 95% e por un tempo de tres anos fiscais, para todo o Concello de Ribadeo e non só no que ten que ver co polígono industrial, senón para todo o termo municipal. Tamén trataremos esa proposta de distribución pormenorizada de diferentes partidas de gastos financiados con préstamo para este exercicio económico, esas obras que estamos levando adiante, que vamos levar”.

Fernando Suárez engadiu: “logo outro dos puntos será a fixación dos festivos locais para o ano 2023, que se propoñen coma sempre o 16 de agosto, que e un mércores, que é o día de San Roque, o co-patrono de Ribadeo, e o venres 8 de setembro, que será o día da Patroa”.

Exit mobile version